Contén dous DVD con 65 melodías.
– Presentación
A do brindeiro non era unha arte calquera no universo rural galego. As súas improvisadas rimas, cheas de retranca, viñan sendo, en palabras do escritor Manuel
Rivas, unha especie de "ramo poético" que coroaba as grandes celebracións, as efemérides máis sinaladas nunha sociedade que soubo conservar o sentido máis profundo da festa. O ramo, neste caso, non estaba feito de loureiro, senón de fina ironía.
Dese humor tan noso, de tantas reviravoltas como a propia paisaxe, que permite cantar as verdades aos veciños sen que rechien as portas nin se torzan os xestos.
Sen os improvisados cantares do brindeiro, fose home ou muller, sen as réplicas que poidese atopar doutro artista da palabra, a festa non era festa nin farrapo de gaita. Nas aldeas do interior de Galicia, porén, as cousas cambiaron moito dende aquela. Tanto que a de Domiz, situada no noso concello, foi recentemente noticia de portada nos xornais porque nela nacera o primeiro bebé despois de medio século. O feito de que naza un pequeno nunha aldea da Pobra do Brollón converteuse nunha rareza. E o mesmo pode decirse do Cebreiro, do Caurel, das Nogais ou de Samos, os concellos da montaña luguesa onde aínda sobreviven os últimos brindeiros. Entre eles os irmáns Álvaro e José Veloso, de Forgas, aos que agora se lles dedica este libro. Eles viviron outros tempos, coas aldeas repletas de vida, de xente que compartía os disabores da vida do labrego e tamén, e con especial intensidade, os momentos de alegría.
Aos que eleximos o campo para botar raíces e para criar aos nosos fillos gustaríanos recuperar parte daquel pasado. Non a penuria do traballo e das condicións de vida, pero si as risas dos pequenos xogando polas corredoiras, os contos dos vellos na taberna, as festas cheas de diversión e non rutina... Polo de agora, haberá que conformarse con preservar a semente das diferentes manifestacións da nosa cultura tradicional, como está a facer Xosé Lois Foxo ao recopilar os brindeiros e a música popular da montaña lucense. Porque se hai semente, todo pode volver agromar.
Xosé Lois Maceda Vilariño
Alcalde da Pobra de Brollón
Índice
– Os últimos brindeiros de Forgas
– Brindos
– Coplas de cego
– Romances
– Parrafeos
– Rondas
– Cantares de cregos
– Cantares da seitura
– Aninovo e Reis
– Cantares varios
– Contos
– Relación de melodías
– índice de audio-vÍdeo
Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense
Escola de Gaitas do Caurel
____
Editorial: A.C.AMIGOS REAL BANDA GAITAS
Idioma: Galego