Ferrol no tempo é o catálogo da segunda exposición que se pon en marcha das sete mostras que conforman un proxecto máis amplo, Cidades no tempo, que terá como protagonistas as sete principais urbes galegas ao longo desde 2022-2022. A exposición explora a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio que conforma a capital de Galicia, abranguendo distintas perspectivas.
O obxectivo é reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade galega en xeral e da área de Ferrol en particular, explorando a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio nunha cidade caracterizada por ser un dos mellores casos de urbanismo ilustrado na Península Ibérica pola súa evolución no século XVIII. Ese Ferrol Ilustrado, o de A Magdalena, o Arsenal e as defensas militares da ría, aspira a ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Dende distintas perspectivas como son a estética, a economía, a creación artística, a educación e a memoria, a mostra afonda nunha urbe que foi medrando, dende o Ferrol Vello conservado nos símbolos, baixo a presenza dunha das principais bases da Armada española e importantes estaleiros da mariña militar e mercante. Nesta mostra faise un percorrido por unha cidade que foi a primeira de Galicia onde se deu entrada aos saberes técnicos e tecnolóxicos, cunha poboación obreira cunha demanda de acceso á educación moi relevante, sendo tamén o primeiro núcleo galego onde se inaugurou unha Escola de Artes e Oficios (1881).
A exposición segue un percorrido a través de varias seccións (Mitos e orixes, Tramas, Escenarios, Cidade Narrada e Voces da Cidade) nas que se nos presentan documentos, planos, mapas, informes, deseños, fotografías, obxectos cotiáns e de alta cultura, así como obras de arte e publicacións de prensa e literatura. Todas estas pezas, preto de 120, achégannos á construción e evolución da cidade de Ferrol ao longo do tempo.
Mitos e orixes Case todas as cidades galegas contan cun mito fundacional, un relato das orixes que as sitúa nun momento determinado da historia. O relato expositivo de Ferrol no Tempo parte nesta primeira sección dunha recreación a través de ilustracións animadas da Batalla de Brión, librada na contorna da Ría de Ferrol entre tropas británicas e españolas en 1800 e que puxo a proba por primeira vez o sistema defensivo da cidade. |
Tramas As tramas poñen en valor a documentación histórica dunha cidade, axudando a comprender o que é hoxe a urbe, dende estruturas defensivas ata a loxística dos servizos de subministración e saneamento, dende as grandes obras públicas ata as comunicacións subterráneas. A través deste apartado afóndase (con documentos, planos, mapas ou proxectos) na evolución dende o Ferrol Vello ata unha cidade na que conviven dúas realidades: a presenza dunha das principais bases da Armada española e importantes estaleiros. |
Escenarios A cidade é mais que unha representación da trama urbanística. É un espazo de interacción e intercambio social conformado ao longo do tempo. Esta sección explora as claves da sociedade ferrolá a través de obxectos históricos, de alta cultura e cotiáns, obras de arte ou fotografías, tendo en conta que foi a principal cidade galega onde se deu entrada aos saberes técnicos e tecnolóxicos, conformando unha rede de industrias auxiliares ao abeiro dos estaleiros |
Cidade narrada Unha cidade está tan construída con edificios como con palabras. Profúndase así nesta parte da mostra na cidade inmaterial a través de obras literarias e distintos tipos de publicacións, como a prensa, que constribuíron á construción da súa imaxe. Abórdase a relación de Ferrol coa lingua galega, un repaso á literatura e ás principais cabeceiras históricas de prensa: Boletín del Círculo de Maquinistas de la Armada, El Correo Gallego, El Obrero, Diario Ferrolano… |
Voces da cidade Relacionado co anterior punto, a exposición remata achegándose a unha representación do discurso que queda na memoria da xente, coas voces da veciñanza que contan historias. Atopamos en Ferrol unha experiencia audiovisual que nos conecta con vivencias propias vinculadas a algún espazo da cidade de persoas como Eduardo Hermida, promotor das Meninas de Canido; Ánxela Loureiro, profesora; ou o sindicalista Carlos Mella. |
Liña do tempo Trátase dunha sección transversal a toda a exposición que serve de fío condutor para ir destacando diferentes pezas, de distinta tipoloxía, de grande importancia para o relato da cidade porque contan unha historia relacionada con ela. Aquí podemos observar un documento do S.XV (Arquivo de Simancas). Trátase da confirmación dos privilexios de Ferrol polo Rei Enrique IV que representa o camiño de Ferrol para acadar o título de cidade. |
_____
Editorial: XUNTA 11-2022
Idioma: Galego