Ilustracións: 169 fotografías b/n e 1 a cor
Esta obra é unha viaxe fotográfica á finis terrae galega, dous mil anos despois da chegada dos romanos e cen de que Ruth Matilda Anderson tirase as impresionantes imaxes da comarca. É un libro homenaxe aos seus habitantes, xente loitadora e traballadora parte da cal se foi marchando no primeiro cuarto deste século, homes e mulleres que, grazas á sensibilidade de Marcos Rodríguez, seguen presentes a través do espazo físico no que viviron e viven, nos lugares, na paisaxe, nos traballos, costumes e tradicións desta parte noroccidental de Galicia.
As fotografi´as, de contido etnográfico e social, onde predominan o retrato e a reportaxe, abarcan o peri´odo comprendido desde o ano 2000 ata a actualidade.
Con texto de presentación a cargo da escritora de Bergantin~os Rosali´a Ferna´ndez Rial, contén imaxes dos concellos que conforman a Costa da Morte, comarcas de Bergantin~os, Terra de Soneira, Xallas e Fisterra, entre as que se encontran numerosos retratos das xentes, dos seus traballos, as súas mans traballadoras, os oficios, as celebracións tradicionais e relixiosas, rituais, o lume, a terra, o mar…
Como toupas insomnes baixo mantos de terra escavamos a tentas os túneles da memoria. Impídenos a cegueira escribir o leito de follas secas que nos cobre a pel. Só o esquecemento soubo que a superficie coñecida remataba en nós: nas raíces das mans que vos sementaron, nos sucos de engurras do fogar, no derradeiro rito capaz de definirnos.
Agora que somos corpo de carbón, sedimentamos o tempo.
Como mineiro sen tregua, a luz do fotógrafo é quen de captar calquera espazo e lugar. O seu disparo omnisciente rescata momentos co foco letal da arte. Con instinto danzante abre galerías en lembranzas sen fondo.
Cando mergullo o meu ollar poético entre as imaxes de Marcos, tan poboadas de figuras literarias, percorro o túnel do texto onde nacín e o litoral polo que medrei. A fin da Terra adquire nos seus negativos un carácter inmortal. A Costa vive así por sempre en nós.
Di John Berger no primeiro capítulo de Ways of seeing que a vista precede ás palabras e que o xeito de percibir depende dos nosos coñecementos. Nesa liña emprega a metáfora dun faro que alumea á inversa, cunha luz que se dirixe ao interior para explicar que a perspectiva depende dos ollos do espectador.
O Finis Terrae que erixe Marcos entre as páxinas que seguen é boa proba diso. Hai tantas Costas da Morte como cada receptora poida ver, tantas paisaxes como experiencias e cultura abranga. Debuxará o branco e negro tantos rostros nos nosos imaxinarios como os que cada quen sexa capaz de evocar, tantos antepasados como teñamos presentes.
A cámara de Marcos é, así, capaz de converter a fin da terra nun inicio, en abrazar a calor do carbón para producir enerxía en quen ve. A fin de contas, ese é dalgún xeito o traballo do artista, o de inocular antídotos contra a indiferenza, o de liberar o que a realidade soterrou e transformalo.
A calor, a humanidade xeotérmica das fotografías que te abrigarán a continuación conforman, á vez, un espello que apela ao teu interior, para que non esquezas a identidade, para recordarche quen es, a través, tamén, dunha alteridade propia.
O flash de Marcos alumeará, mineiro, cronotopos que descoñecías dentro de ti. Carrumeiro espertarache o ollar infantil en miradas ancestrais. Lobeiro acenderá o teu lado salvaxe. Roncudo vai arrebatar os estanques da desidia.
Algún dos fulgores que máis escavan a miña derme son os percebeiros
de Muxía. Os seus salseiros ábrenme marusías no sangue tribo a través.
Con máis calma me alustran os sorrisos bergantiñáns. En ambas as paisaxes aprendín a ver antes que a falar. Por iso me devolven agora a palabra.
Ante o horizonte das nosas expectativas, erixe Marcos un amencer de imaxes insólitas. A elas podemos subir coma nun carrusel de súper 8, para que nos poidan transformar. Os seus fotogramas resúltannos tan familiares como inéditos e sorprendentes, igual que as sensacións que xeran en nós.
O obxectivo das cámaras que Marcos sostén é un pozo mineiro a través do que respirar. Que a luz do seu vento nos rescate sempre do esquecemento e nos invite a ser.
MINEIRO NA FIN DO MUNDO
Rosalía Fernández Rial
O carballés Marcos Rodríguez Cotelo naceu en Milán (Italia) o ano 1973. Mestre Fotógrafo titulado e Fotógrafo Distinguido pola Federación Española de Profesionais da Imaxe (FEPFI), exerce desde 2009 como profesional da fotografía na Costa da Morte.
Traballou de xefe de fotografía no semanario O Acontecer da Costa da Morte entre os anos 2007 e 2009, labor que compaxinaba co de fotógrafo nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Bergantiños e o deportivo dxt Campeón, ata xaneiro de 2011, ao tempo que colaboraba co diario dixital Que pasa na Costa e, desde xuño de 2011, con La Voz de Galicia.
En 2017 embarcouse, da man da ONG Égueire de Mazaricos, no que el mesmo define como o seu proxecto máis emocional. Así, entre novembro e decembro viaxou a Costa de Marfil, onde durante máis de dúas semanas retratou as súas xentes e a inauguración da Maternidade que a ONG construíu no poboado de Nandibú.
O ano 2018 foi comisionado pola Fundación Catedral de Santiago para realizar unha reportaxe fotográfica única e excepcional que consistía en retratar o Pórtico da Gloria xusto no momento culminante da súa restauración. Neste proxecto non só demostrou a súa destreza técnica, senón tamén a capacidade para capturar a esencia histórica e artística dun monumento tan excepcional.
Dous anos máis tarde, a mesma Fundación confiou de novo nel para inmortalizar outro tesouro arquitectónico: o Altar Maior da Catedral. A habilidade para revelar a maxestadade e a espiritualidade deste lugar sagrado quedou plasmada en cada imaxe, consolidando aínda máis a reputación de Marcos como fotógrafo.
Ao longo dos anos, a súa cámara é testemuño do devir social e cultural da comarca, pero o seu labor como fotógrafo obtén, ademais, repercusión nacional e internacional, como proban os numerosos premios e recoñecementos que ten no seu currículo.
Finis Terrae é a primeira publicación individual de Marcos Rodríguez.
___
Editorial: Libros Canela 04-2024
Idioma: Galego
Páxinas: 216
Encadernación: Tapa dura con sobrecuberta