Ir a contenido
Gastos de envío para Galicia y España 4.45 €!
Gastos de envío 4.45€!

MURGUIA 50-51 (XULLO-DECEMBRO 224/XANEIRO-XUÑO2025)

por VV.AA.
€13,00
ISBN 0460107202507

Murguía, Revista Galega de Historia chega ao seu volume 50. Non é algo frecuente entre as publicacións periódicas do ámbito científico, galego ou foráneo. Para o caso galego, ademais, estamos diante dunha publicación única; atendendo á temática, á periodicidade, ao monolingüísmo en galego que se practica e ao tempo no que se leva publicando ininterrompidamente (case durante un cuarto de século).

Cando no ano 2001 se comezaron a establecer os primeiros contactos para crear o grupo promotor de Murguía, Revista Galega de Historia, asumiuse aquel traballo con suma seriedade e responsabilidade. O proxecto de dar lugar a unha revista cuadrimestral, singularmente en galego e centrada na historia de Galiza era algo que non existira no panorama editorial galego e que, de fracasar o proxecto, podería dar a impresión de que non había no país un público obxectivo interesado neste produto (ou que, mesmo habendo público interesado no mesmo, este non era suficiente cuantitativamente como para manter unha publicación das devanditas características no tempo; ou, incluso, que o tecido investigador galego, no ámbito da pescuda histórica, non era quen de producir novidades ao ritmo de edición dunha revista cuadrimestral). O certo é que, cando Murguía, Revista Galega de Historia saíu ao mercado, comezando a se distribuír nas librarías galegas, non contaba con asinantes e o único capital (en sentido amplo) que sostiña o proxecto era o que achegaban os membros máis comprometidos co mesmo.

Murguía, Revista Galega de Historia chega ao seu volume 50. Non é algo frecuente entre as publicacións periódicas do ámbito científico, galego ou foráneo. Para o caso galego, ademais, estamos diante dunha publicación única; atendendo á temática, á periodicidade, ao monolingüísmo en galego que se practica e ao tempo no que se leva publicando ininterrompidamente (case durante un cuarto de século).

A revista sempre tivo como referencias centrais, a nivel galego, Grial e A Trabe de Ouro, así como, a nivel español, as revistas Historia Social e Historia Contemporánea, nacidas ambas no 1988; e o grupo promotor de Murguía, Revista Galega de Historia pensou desde un primeiro momento que, se Grial e A Trabe de Ouro chegaran a existir e manterse no tempo (tendo presente que Grial nacera en pleno franquismo, por volta de 1951, sufrindo censuras múltiples desde a primeira xeira, na que dera lugar a catro “cadernos”-relanzándose logo a partir de 1963-; e que A Trabe de Ouro, nacida no 1990, tiña un perfil moi especializado, centrándose en artigos de “pensamento galego”, o que a afastaba de grandes públicos, mais aínda así unha e outra seguían editándose cun público moi fiel), esta daquela nova revista podería chegar, con moito traballo e sacrificio, a se manter no tempo no caso de principiar a súa andaina, como así foi.

A construción deste proxecto editorial foi máis alá e creouse, antes de máis, unha das primeiras páxinas web monolingüe en galego. Lémbrese que, unha vez elixido o nome da revista, o dominio www.revistamurguia.com foi rexistrado no ano 2002. De feito, a escala galega apenas había dous anos que nacera a web do xornal La Voz de Galicia; e sete desde que nacera Google. A primeira web da historia creárase nos EUA no ano 1991, da man de Tim Berners-Lee; e a primeira web galega creouna Xabier Canosa, desde a Universidade de Aberystwyth (Gales), alá polo ano 1995; ano este no que nacía o primeiro xornal dixital galego, Vieiros, da man de Lois Rodríguez, o seu editor (medio de comunicación no que a Murguía, Revista Galega de Historia tivo unha “canle”, na que presentaba un avance dos contidos de cada número da revista, en consonancia coa propia web da revista). En todo caso, cómpre lembrar, igualmente, que no cambio de século boa parte das institucións e entidades galegas non contaban cunha web propia e moito menos as revistas que se publicaban no país (e non era, por certo, moi distinta a realidade noutros territorios próximos).

Tras o lanzamento de Murguía, Revista Galega de Historia houbo que agardar ao primeiro ano de andaina para sumar os primeiros cen subscritores e subscritoras (triplicándose as subscricións nos dous seguintes anos; a partir dun traballo metódico que levou a revista a encontros científicos, como sería o caso de congresos, tanto en Galiza como noutros territorios a nivel europeo, destacando Portugal, mais tamén a festivais populares, onde o voluntariado do equipo de Murguía, Revista Galega de Historia foi facendo unha importante rede). Froito de todo este esforzo, co que se verificou que había que pasar de ser unha publicación cuadrimestral e ser unha revista semestral, derivan estes 50 números editados até o momento (sendo catorce os volumes duplos publicados), e un número de subscritores e subscritoras que nos sitúan entre as dúas ou tres revistas científicas con maior corpo social arredor, a nivel galego (con asinantes fóra do noso territorio en Bruxelas, Suíza, Madrid, Donosti, Bilbao, Barcelona ou Lisboa), así que grazas a todas e a todos os que sodes subscritoras/es de Murguía, Revista Galega de Historia, así como tamén ás e aos que seguides a revista, quer mercándoa nas librarías, quer léndoa na vosa biblioteca de referencia. Agora cómpre tomar rumbo cara ao número 100, encarando o próximo cuarto de século (para o que é necesario actualizar o prezo da revista e a subscrición anual, que segue conxelada desde o seu nacemento). Nun mundo no que o dixital foi gañando tanto terreo, non será fácil o camiño.

Nese sentido, renovaremos a plataforma web do proxecto, dotándonos de novas canles de comunicación. Así mesmo, abordaremos un redeseño, par cial, da edición da revista en papel (logo das tres etapas previas polas que pa sou, a nivel estético, Murguía, RGH), afortalando a entidade que dá lugar á revista, o Instituto Galego de Historia (que conta, a maiores, con tres coleccións editoriais). O que seguirá inamovíbel será o noso firme compromiso coa socialización de investigacións rigorosas sobre o pretérito de Galiza (e de calquera realidade vinculada a esta en perspectiva histórica), naturalmente en galego, e con especial atención á historia social, política e cultural do país, sendo sempre sensíbeis ás cuestións de xénero e de clase.

Abrimos as páxinas do presente número de Murguía, Revista Galega de Historia coa sección Fontes, na que os investigadores Miguel García-Fernández, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia), e Ricardo Pichel, da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) e do Instituto da Lingua Galega (ILG-USC), presentan unha completa transcrición e un estudo aproximativo dos pergamiños que atesouraba Manuel Martínez Murguía de Santa María de Sobrado e que fican no Arquivo da Real Academia Galega.

A continuación publicamos a discurso pronunciado pola catedrática xubilada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Aurora Marco, integrante da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, no acto institucional que organizou o Parlamento galego en lembranza a Alexandre Bóveda e ás vítimas galegas do franquismo. Pechamos as páxinas desta sección co discurso de Xosé Estévez na recepción, en Outeiro de Rei, da distinción “a navalla de Manuel María”. Por outra banda, abrimos as páxinas da sección A Investigación cun artigo da autoría de Ana María Carballeira Debasa, investigadora da Escuela de Estudios Árabes (EEA), do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) arredor da Coruña medieval a través das fontes árabes. A continuación Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña e de Murguía, Revista Galega de Historia, introdúcenos na historia da creación do Panteón de Galegos (e Galegas) Ilustres, a partir do traslado a Bonaval dos restos de Rosa lía de Castro no ano 1891. Antón Costa Rico, catedrático xubilado da USC, presenta unha investigación sobre o traballo infantil, os dereitos da infancia e a educación na Galiza da Restauración e da II República, centrado no estudo da Comisión de Reformas Sociais de Vigo e a explotación laboral infantil.

O prolífico investigador e bibliotecario da USC Francisco Xavier Redondo Abal achega un artigo sobre o corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos e o seu activismo parello á II República e como afrontaron o golpe militar e represión desde o golpe militar de xullo de 1936 até 1942. Conclúe esta sección cun texto que aborda o nacemento e evolución do Ateneo Republicano de Galicia entre 1998 e 2009, entidade central para comprender a recuperación da memoria histórica na cidade da Coruña, autoría do docente de ensino secundario e investigador da Cátedra de Memoria Histórica da UDC Carlos Dias Diegues. Na sección A entrevista conversamos con Xaime Varela Sieiro, doutor en Filoloxía Clásica, docente de Lingua e Literatura galega no IES Arce bispo Xelmírez II, así como noutrora lector de lingua e literatura na Sor bonne Nouvelle-Paris III (1996-2001) e profesor de lingua no IE Cañada Blanch de Londres (2010-2015), quen recentemente contribuíu á recuperación da biografía de Cruz Risco, pioneira galega do cinema. No espazo Lembranzas, rescatamos a figura de Manuel Lugrís Freire a través dun artigo da súa autoría, arredor dos Mártires de Carral. Na sección dedicada ás Lecturas, reseñamos e recomendamos as obras Guerrileir@s anti franquistas da provincia da Coruña de Lupe Martínez; Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza, da autoría de Francisco Rodríguez Sánchez; El linaje materno del Padre Sarmiento: Los Monseiro Balboa y Sarmiento de la Casa de Perros de Elías Palacio Bermúdez de Castro, e O castelo da Lúa (Rianxo). Construción e propiedade ao longo dos tempos de Héitor Picallo e Alexandra Cabana Outeiro.

Por último, en Museos, Arquivos, Bibliotecas e Lugares visitamos a Casa da Historia Europea, localizada en Bruxelas, proxecto do Parlamento Europeo. E na sección A Rede reseñamos www.cirp.gal/meddb, a base de datos da lírica profana galego-portuguesa (MedDB), www.cirp.gal/palmed, base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa (PalMed) e www.cirp.gal/can ticar, cartografía da lírica profana galego-portuguesa (CANTICAR).

____

Editorial: Instituto Galego Historia 07-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 213
REVISTA GALEGA DE HISTORIA