Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

OS OLLOS DE VICTORINE E A CONSTRUCIÓN DA CUARTA PAREDE

€12,50
ISBN 9788484870936
O admirable do libro de Gustavo Pernas, ademais da suculenta análise que leva a cabo, nun excelente exercicio entre a crítica da cultura e a literatura comparada, radica en que tece o seu relato como se fose unha obra teatral. Dalgunha maneira, a súa envexable carreira como dramaturgo está detrás desta proposta de lectura da Modernidade. Un coro narrador, no que vai concitando aquelas voces máis sobranceiras da reflexión sobre a arte, desde Susan Sontag a Edgar Morin, desde Benjamin a Eugenio Trías, desde Gombrich a Duvergier... leva a cabo a representación sobre o pano de fondo deste Dèjeuner sur l’herbe do que tan pouco sabiamos. Quen son esas persoas?, a que se dedican?, e, máis concretamente, quen é ela?, por que me mira?. O coro, esa escura masa de voces que son sombras, vai facendo as súas preguntas, erguendo as súas incógnitas, contestando as que pode ou certificando os seus enigmas.

E o relato flúe, como en Sófocles, á procura dunha anagnórise final, ese momento en que os protagonistas desvelan as súas sombras e asistimos á revelación, ese tecnicismo fotográfico que significa iluminación, proxección de luz sobre un negativo para positivalo. Unha revelación que é, neste caso, crítica da cultura, da arte, da historia.

Animo, pois, ao lector a que se introduza no harmonioso labirinto destas páxinas para proceder á experiencia da catarse. As ideas que ensaia Gustavo Pernas xa nunca serán alleas á contemplación do cadro de Manet. O mellor síntoma da súa “verdade” e da súa fortaleza.

Manolo Forcadela

____

Editorial: Laiovento 2006
Idioma: Galego