Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

PICASSO, BRANCO NO RECORDO AZUL. DEBUXANDO O FUTURO=PICASSO, BLANCO EN EL RECUERDO AZUL. DIBUJANDO EL FUTURO

por VV. AA.
€60,00
ISBN 9788445354490

Catálogo da exposición Picasso branco no recordo azul. Debuxando o futuro.

Picasso iniciou a súa formación académica e asumiu a súa condición de artista na Coruña, onde viviu entre 1891 e 1895. El mesmo consideraba que a súa infancia e primeira adolescencia foran cruciais para chegar a ser o que foi. Estes anos foron exhaustivamente estudados na exposición "O primeiro Picasso. A Coruña 2015", na que se daba a coñecer, desde unha mirada diacrónica, toda a súa produción coruñesa.

"Picasso. Branco no recordo azul" analiza o carácter iniciático dos seus fundamentos estéticos no período coruñés e como estes trascenderon ao futuro. Afondarase nos temas e as súas variables iconográficas, os conceptos ou a dimensión das súas ideas e as súas precoces experiencias coa linguaxe visual.

Nesta exposición, póñense de manifesto as débedas que o prolífico creador ten con aquel período que xamais esquecería, talvez a única etapa formativa na que se sentiu feliz, fortalecido por un sentimento de liberdade e confianza en si mesmo. Ronald Penrose afirma que na Coruña xa "triunfara en relación ao seu pai e aos catorce anos estaba seguro das súas facultades e do seu criterio". Nos anos que viviu aquí foi descubrindo a cidade experimentando a través do debuxo: captou as rúas, os monumentos, as praias, os montes e as personaxes que supuxeron a orixe do futuro artista que acabaría por definir o século estético máis convulso, o Século de Picasso.

O título da exposición está extraído dun dos seus poemas, cuxos versos aluden ás cores azul e branca, que evocan unha marcada identidade coruñesa desde mediados do século XIX e que o propio Picasso chegou a identificar coa cidade na que viviu e se formou como artista. Estas cores danlle nome tamén ao seu primeiro xornal Azul y Blanco (1893).

A exposición estrutúrase en dez capítulos que obedecen a referencias de orde temática, conceptual ou de linguaxe. A súa xénese é rastrexable neste período coruñés de formación, entre 1891 e 1895, e que haberán de permanecer, como peculiar xerme identitario, no sinuoso proxecto que explicaría todo Picasso.

Artigos no catálogo:

Unha innovadora proposta expositiva acerca do período coruñés do artista / Angeles Penas Truque.
Picasso branco no recordo azul: debuxando o futuro / Antón Castro, Malén Gual, Rubén Ventureira.
A lección de debuxo / Elena Pardo Antequera .
Unha nova primeira crítica / Elena Pardo Antequera e Rubén Ventureira.
Picasso e A Coruña. A novela do neno maravillado / Eduard Vallés .
A Coruña: o nacemento da paisaxe / Johan Popelard.
Caricatura e nacemento da conciencia crítica / X. Antón Castro.
Picasso. Retratos e autorretratos. A pintura é a realidade / Aitor Quiney.
Lembranzas coruñesas de Picasso contadas pola súa filla Maya.
Picasso e os seus periódicos coruñeses: albores da ciencia do furto / Rubén Ventureira e Xosé Crisanto Gándara Eiroa.
A biografía de Picasso nunca é casta / Laurence Madeline.
Ao Faro: o cubismo e A Coruña / Pepe Karmel.
A gaita cubista / Xosé Crisanto Gándara Eiroa.
En diálogo coa tradición / Malén Gual.
Pulsión creadora e parodia nas imaxes do pintor e o seu modelo / Salvador Haro González.
A última maneira: os mosqueteiros / Reyes Jiménez.
As idades de Picasso / Rafael Inglada.

Con motivo do cincuenta aniversario da morte de Pablo Picasso o 8 de abril de 2023, e no marco da Celebración Picasso 1973-2023, organizada conxuntamente polo Estado español e o Estado francés nos principais museos das cidades picassianas, a Xunta de Galicia promove esta exposición monográfica no Museo de Belas Artes da Coruña: "Picasso. Branco no recordo azul. Debuxando o futuro".

A Celebración Picasso 1973-2023 xira ao redor dunhas cincuenta exposicións e eventos que se celebran en institucións culturais de renome de Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A conmemoración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permite facer balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante o importante simposio internacional que se celebrará no outono de 2023, coincidindo coa apertura do Centre d'études Picasso en París.

_____

Editorial: XUNTA 07-2023

Idioma: Galego