Ir a contenido
Gastos de envío para Galicia y España 4.45 €!
Gastos de envío 4.45€!

O PORTUGUÉS ESQUECIDO

€39,95
ISBN 9788484785376

2ª EDICIÓN.

Durante séculos, a oralidade popular das rexións setentrionais de Portugal conservou trazos fonéticos, gramaticais e lexicais que corresponden, na actualidade, a características diferenciadoras do galego a respecto do padrón lusitano. Os gramáticos, lexicógrafos e tratadistas da metrópole lisboeta combatéronas enerxicamente xa desde os inicios da tradición gramatical portuguesa no século XVI. Mais a maioría delas, por motivos culturais, históricos, sociolóxicos etc. conseguiu sobrevivir até aos anos finais do século XIX ou primordios da seguinte centuria e, nalgúns casos, inclusive se mantiveron na nosa época.

Laiovento congratúlase en dar a lume este estudo que aprofunda neses elementos lingüísticos considerados hoxe marcadamente galegos, e, até non hai moito tempo, tamén idiosincráticos da lingua oral dialectal do Minho e de Trás-os-Montes.

NOTA Á SEGUNDA EDICIÓN

Transcorridos apenas algúns meses desde que este traballo foi dado a lume pola primeira vez, a boa acollida que tivo evidenciou a necesidade dunha nova saída do prelo. Vaia a nosa gratitude, antes de máis, para todas as persoas que mostraron interese por el, as cales, parafraseando a citación de Estevan da Guarda que abre as portas da obra, enveredaron os camiños “d’antre Doiro e Minho” d’O portugués esquecido. Precisamente, varias desas lecturas que fixeron amizades e colegas serviron para repararmos nalgunha gralla, ao paso que tamén se tornaron úteis para reflectirmos á volta de determinadas cuestións ou sobre a focaxe aplicada a diversas temáticas. A actual segunda edición, grazas á xentileza de quen leu o texto ao pouco de ser publicado, emenda eses pequenos erros de que puidemos ter noticia, en canto mantén os mesmos capítulos e contidos que a primeira; caso haxa oportunidade no futuro, aqueles e estes poderán ser debidamente actualizados.

Finalmente, non quereriamos deixar de aproveitar a oportunidade para agradecermos a Laiovento o facto de apoiar con entusiasmo a publicación deste estudo, xa agora no seu segundo lanzamento ao público. Sen dúbida, a Galiza que soñamos ficaría máis lonxe sen proxectos como o que representa aquela feliz aventura nada en 1990 e que fai da lingua e da cultura galega e en galego a razón da existencia da editora.

Xosé Manuel Sánchez Rei (Corunha, 1973) é Profesor Titular da Área de Filologia Galega e Portuguesa na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña.

A súa investigación céntrase na gramática do galego actual, na variación lingüística e na linguaxe literaria, temas sobre os cales ten dado a lume diversos traballos en revistas especializadas, cal Cadernos de Lingua, Diacrítica-Ciências da Linguagem, Estudos Galego-Brasileiros, Madrygal, Revista de Letras, Revista Galega de Filoloxía, Revue Romane, Rostocker Romanitische Abeirten, Verba etc.

En Edicións Laiovento publicou os libros Se o vós por ben teverdes. A interpolación pronominal en galego (1999; Premio Carvalho Calero de Investigación Lingüística, 1998), A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros (2006, finalista nos Premios da Crítica) e Lingua galega e variación dialectal (2011), Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX (2017), Estudos atuais de linguística galego-portuguesa (2019, con M. Aldina Marques) etc.. Nesta mesma editora, traduciu para o galego o Curso de Lingüística Xeral de Ferdinand de Saussure (2005).

Recentemente, deu a lume Traditional Galician Cancioneiro Compiled by Cipriano Torre Enciso (2019, con Catalina T. Castillón, 2 vols.) ou Xosé Seivane. A gaita con maiúscula (2019).

____

Editorial: Laiovento 02-2022
Idioma: Galego
Páxinas: 619
ENSAIO