O Museo do Pobo Galego vén de editar nun importante volume a obra completa de Carlos García Martínez, seu anterior director, que finou en marzo de 2018.
CARLOS GARCÍA MARTÍNEZ (Santiago de Compostela, 25/04/1945 – 17/03/2018) estudou Dereito na Universidade compostelá pero, xa antes de rematar a carreira, se inicia no mundo da arqueoloxía e a etnografía. Bolseiro do CSIC, ingresa como membro das Seccións de Arqueoloxía e Prehistoria e de Etnografía e Folclore do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
No Nadal de 1975 é un dos promotores do chamamento á creación do Museo do Pobo Galego. Aquela iniciativa callou no que andando o tempo había ser, en palabras de Justo Beramendi, a terceira iniciativa da sociedade civil, despois da Real Academia Galega e do Seminario de Estudos Galegos. Carlos García Martínez foi, primeiro, o seu secretario e logo sucesor de don Antonio Fraguas na dirección da institución.
Seguindo a pauta marcada por insignes polígrafos como Cuevillas, Otero Pedrayo e Bouza Brey, abordou nos seus traballos materias moi diversas. Este volume é a homenaxe que o Museo do Pobo Galego lle rende en virtude de corenta e dous anos de entrega xenerosa. A esta recompilación fáltalle pouco para ser unha opera omnia, porque algúns dos seus primeiros artigos son hoxe ilocalizables nas hemerotecas.
____
Editorial: Museo do Pobo Galego
Idioma: Galego