Frederik e Cati, unha moza seropositiva, igual que o seu fillo de tres anos, coñécense e comezan unha relación. Ao fío de varios episodios vividos pola parella, Peeters reflexiona a respecto do VIH e de como este virus condicionará a súa relación con Cati, ao tempo que ilustra as dúbidas, os medos e os soños de futuro de ambos.
En Pílulas azuis, Peeters aborda de forma moi natural temas tan universais como o amor, a paternidade ou a vida e a morte. Sen caer no sensacionalismo, máis ben dende unha visión positiva e con pequenas doses de humor, esta historia achéganos a posibilidade de coñecer en certa forma o día a día dunha enfermidade con tantos prexuízos.
Traducido por Estela Villar Nogueira.
Frederik Peeters (Xenebra, 1974) é un dos debuxantes máis representativos da novela gráfica europea. Iniciouse profesionalmente como cartelista e ilustrador publicitario da prensa suíza. En 1997 gañou o Premio Novos Talentos do Festival de Sierre e, a partir de entón, comezou a súa colaboración con numerosas revistas.
No ano 2001 publicou Pílulas azuis, a súa primeira novela autobiográfica, pola cal recibiu o Premio Töpffer de Xenebra e foi nominado ao Premio Alph’Art ao mellor álbum do Salón de Cómic de Angoulême e como mellor obra estranxeira no Salón Internacional do Cómic de Barcelona. Gañou tamén especial recoñecemento coas súas novelas gráficas de ciencia-ficción, como Lupus, Koma ou Aâma, esta última merecedora do premio á mellor serie do Festival de Angoulême no ano 2013.
É co-autor da obra Castelo de area, que en 2021 foi adaptada ao cine por M. Night Shyamalan co título de Tempo.
____
Editorial: Rinoceronte 05-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 208
NOVELA GÁFICA
FICCIÓN, NARRATIVA