Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

PARA UNHA HISTORIA DO CINEMA EN LINGUA GALEGA. DE ILLAS E SEREAS. (3)

por VV AA
€20,00
ISBN 9788412263107
A serea é esa imaxe que guía a sorte do vaixel no mascarón de proa; é a cariátide voandeira que exhibe os seos na capela do Salvador da catedral de Santiago; é a esfinxe de cabelos alados que Castelao soñou como escudo de Galiza canda o lema «denantes mortos que escravos»

«Para unha historia do cinema en lingua galega, 13» é a proba fáctica do noso «desexo de comunidade» tal e coma Jacques Rancière observa determinados acontecementos contemporáneos que queren ocupar a esfera pública, evitar o seu aniquilamento. E a creación, en calquera soporte, linguaxe ou formulación, é un deses acontecementos. Mais tamén constata a existencia da devandita «comunidade electiva», na feliz distinción de Maurice Blanchot, que nos leva a considerar o cinema en lingua galega como un deses «momentos estelares» da cultura de noso en que o fai propio para partillar coa humanidade unhas obras nas que o real, o imaxinario e o modo de contalo nos configuran. A serea é esa imaxe que guía a sorte do vaixel no mascarón de proa; é a cariátide voandeira que exhibe os seos na capela do Salvador da catedral de Santiago; é a esfinxe de cabelos alados que Castelao soñou como escudo de Galiza canda o lema «denantes mortos que escravos»; é a serea que se fundiu cun lobo da illa Lobeira e dela emerxeron as rendas de Camariñas, a que se uniu ao cabaleiro de Roncesvalles e deu orixe á saga dos Mariño, navegantes até mais aló de Chile, a que chega de lonxe mais nunca é estranxeira. Desexo de sereas é, xa que logo, esa seiva no noso imaxinario que nos fai ir alén e amar o cinema en lingua galega. Aínda que no luscofusco a figura deveña ambigua, por veces ríspeta e ameazadora, nós imos termar sempre desa lanchiña de papel onde os filmes poidan, contra vento e marea, navegar de illa en illa. Unha presada de investigadoras e investigadores de diferentes xeracións e con miradas distintas, do Grupo de Estudos Audiovisuais e tamén de fóra, tecemos este relato ao redor dun mundo que se chama cinema á marxe de servidumes académicas e dende a crítica aos modos obsoletos de pensar nas películas.

Índice

Proemio. Margarita Ledo Andión. Desexo de cinema: emoción e inscrición de clase. Fernando Redondo Neira. Entre illas. Reciclaxe e arquivo no cinema galego. Cibrán Tenreiro Uzal. Illas descoñecidas. Alberte Pagán. Illas espello. Margarita Ledo Andión. Lúa vermella, de Lois Patiño. Unha mirada onírica a propósito dun universo real. Antía López Gómez. Se fan sufrir é porque sofren. Réquiem pola Galiza rural. (O que arde, Oliver Laxe, 2019). José Luis Castro de Paz, Pablo Súarez-Mansilla. Illas no deserto. Cinema galego na diáspora. Marta Pérez Pereiro.

____

Editorial: Aira
Idioma: Gallego