Ir a contenido
¡Inauguramos nuestra nueva web bajando los gastos de envío a 2,95€! 📦
¡Bajamos los gastos de envío a 2,95€! 📦

ARQUITECTURA RECIONALISTA GALEGA

€35,00
ISBN 9788494900716
O título advírtenos unha primeira cuestión a ter en conta: a relevancia de dúas das máis importantes figuras da arquitectura galega da primeira metade do pasado século, é dicir, Antonio Palacios e Manuel Gómez Román.

Son xa que logo os que máis obra teñen adscrita ás dinámicas estilísticas deste rexionalismo e son, ademais, e na liña que se vén comentando, dúas referencias fundamentais na produción académica do autor que nos atinxe. Arredor das últimas décadas, Iglesias Veiga ten contribuído ao coñecemento historiográfico e posta ao día de ambos os dous arquitectos a través de numerosas publicacións, catálogos de exposicións, actas de congreso ou artigos en revistas especializadas. Por citarmos algúns deses títulos, salientan Manuel Gómez Román: mestre da arquitectura galeguista (Xerais, 1995), en colaboración con Xaime Garrido; Antonio Palacios, arquitecto: de O Porriño a Galicia (Deputación de Pontevedra, 1993), Antonio Palacios: a pedra, o país, a arte, o urbanismo, a renovada tradición, o oficio de arquitecto (Ir Indo, 1995); ou nas obras colectivas Antonio Palacios, constructor de Madrid (La Librería, 2001) e Manuel Gómez Román (Deputación de Pontevedra, 2005). O autor indícanos ao comezo que o interese pola arquitectura rexionalista, como paradigma arquitectónico que se pode rastrexar noutras zonas do estado e a nivel internacional, foi medrando nas últimas décadas logo dun período de descrédito condicionado polo ideal moderno. Dous autores de sona para a historiografía estatal como Pedro Navascués Palacios ou Villar Movellán contribuíron a esta redescuberta. O caso galego vén dado polo desenvolvemento da estrutura cultural adscrita á Xeración Nós, o Seminario de Estudos Galegos, as Irmandades da Fala e outras institucións do eido galeguista e nacionalista. Será neste ambiente onde se comece a revalorizar o patrimonio artístico galego, abranguendo non só a arquitectura, senón o conxunto das artes plásticas. A conxunción dunhas inercias sociais tradicionalistas, o baixo nivel de urbanización e industrialización, xunto coa elevada taxa de poboación rural, e mais un discurso intelectual que xera unha pulsión entre a necesidade dunha definición identitaria e a adaptación ao mundo moderno serán os ingredientes desta arquitectura rexionalista que Iglesias Veiga define e enmarca a través dunha serie de fitos históricos —salientando a Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929—, divulgación editorial e en prensa e todo tipo de achegas teóricas e ideolóxicas desta xeración. A construción historiográfica presta moita atención ao discurso xerado na época ao tempo que se atende ás poéticas persoais dos diferentes arquitectos. En efecto, como se vén dicindo, a operatividade discursiva que ofrecen Manuel Gómez Román e Antonio Palacios non se debe só ao volume de obra de ambos os dous arquitectos, senón por representaren dúas poéticas, dous paradigmas de traxectoria que permite sacar conclusións de interese sobre a situación da arte e a cultura galegas da primeira metade do século XX. É relevante a estruturación por obras, amosándose a pluralidade de espazos, tipoloxías e solucións achegadas por ambos os dous arquitectos.

____

Editorial: Engaiolarte 2019
Idioma: Galego