USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA
Agotado
€14,00
ISBN 9772341035304|9788416643042
O antropólogo Rafael Quintía achéganos ao mundo simbólico do uso do seixo en Galicia. Un percorrido diacrónico dende as diferentes formas nas que aparece o seixo no rexistro arqueolóxico galego, centrándonos sobre todo no seu aspecto simbólico e no seu posible uso ritual, ata o mundo da antropoloxía e das aplicacións deste mineral en diferentes contextos da cultura popular galega. |
Na presente monografía o autor propón hipóteses esclarecedoras coas que poidamos avanzar na senda da interpretación do uso do cuarzo dende épocas antigas e en contextos rituais e simbólico cronoloxicamente distantes. Continuando coa miña liña de investigación no campo das crenzas máxico-relixiosas, da etnomedicina galega e dos denominados obxectos de poder dentro da praxis sandadora, decidín abordar este traballo de investigación sobre o seixo movido, por unha banda, pola certeza persoal da importancia do seixo na nosa cultura tradicional e, por outra banda, debido á constatación da carencia de traballos de investigación sobre este tema. Por todo elo, coido necesario presentar esta monografía que amplía e complementa os datos da investigación xa publicada no ano 2014 en “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia” e que intenta, dun xeito holístico e aglutinador e nun horizonte diacrónico, clarexar un pouco, ou cando menos expor na maior amplitude posible, o fenómeno cultural do uso do cuarzo en Galicia con fines simbólicos ao longo dos últimos milenios, dende as primeiras constatacións da presenza de cristais de seixo en xacementos arqueolóxicos ata o seu uso etnográfico na actualidade. PRÓLOGO Rafael Quintía, senta neste novo traballo os alicerces da investigación dun dos temas mais fascinantes e conspicuos da tradición galega. Tal como xa fixera tamén cun dos seus libros anteriores, o dedicado uso do Alicornio na medicina tradicional galega, editado tamén pola SAGA, Rafa Quintía disponse neste ensaio a evidenciar e dignificar outro dos elementos clave para a comprensión do universo simbólico dos galegos. O seixo está presente, dende as prodixiosas fonduras dos tempos, non soamente no solar galego como unha substancia abondosa, senón de xeito absolutamente selectivo en todos os hábitats e espazos vitais que as comunidades teñen estruturado ao seu redor. Neste libro o autor percorre e sintetiza o camiño que o ser humano ten escollido para transitar co seixo na man ou na porta da casa; no berce ou na súa sepultura ademais doutros exemplos. Un itinerario, en definitiva, no que este libro amosa, por vez primeira, a transcendencia desta rocha e o contraste co perfil baixo que actualmente ocupa no mundo dos estudos tradicionais. Operando de novo a súa taumaturxia, Rafa Quintía pon de manifesto o rol do seixo en Galicia como catalizador do mundo das crenzas e indutor da orde nos espazos intrinsecamente simbólicos das sociedades tradicionais. Así, se a enfermidade e un desorde cómpre a acción restauradora de algo que condensa en si mesmo a idea de estruturación, firmeza, persistencia ou perfección. Hai sociedades que entenden que os entes poden ter varias almas. Nesta nova Monografía da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafa Quintía presenta a súa viaxe de milleiros de quilómetros pola xeografía galega e mais aló, na procura e rescate dunha das almas esquecidas da cultura galega, unha feita de seixo, co gallo de que poida seguir aportando estrutura e significado ao noso presente. Como sempre fixo. Miguel Losada Secretario da SAGA
____
Editorial: SAGAIdioma: Gallego