Esta novela, que ensaia unha nova e polémica interpretación da historia recente de Galicia, consegue xuntar os personaxes de Ramón Piñeiro e de Castelao coa intención de que afronten a verdade do que ocorreu cando o mozo Ramón Piñeiro non agardou por Castelao en París. O autor da entrevista imaxinada en que se basea toda a narración pon o foco en aspectos culturais, políticos e mesmo persoais dos protagonistas, e evidénciase que, en moitos casos, a construción histórica dos personaxes difire da realidade dos feitos que sucederon. As explicacións sobre contas pendentes que Ramón Piñeiro ofrece nesta novela, respondendo a algunha pregunta incómoda, van deconstruíndo a súa propia figura, que se considera consolidada por unha parte da sociedade galega. Cun ton ameno e moi accesible, mais sen renunciar ao tratamento en profundidade que o tema require, Suso de Toro constrúe un relato esclarecedor dun momento crucial da nosa historia. Unha reivindicación do que puido ser e do que aínda pode ser. E unha rebelión contra o designio de que sexamos «Terra de sacrificio».
Suso de Toro
Suso de Toro (Santiago, 1956) é licenciado en Arte Moderna e Contemporánea. En 2003 foille concedido o Premio Nacional de Narrativa. Como narrador publicou: "Caixón desastre" (1983, 1991), relatos, Premio Galicia da Universidade de Santiago; "Polaroid" (1986, 2021), relatos, Premio da Crítica Galicia; "Land Rover" (1988), novela; "Ambulancia" (1990, 2023), novela; "Tic-Tac" (1993, 2003), novela, Premio da Crítica Española 1994; "A sombra cazadora" (1994/2024), novela; "Conta saldada" (1996, 2017), novela; "Calzados Lola" (1997), novela, Premio Blanco Amor; "Círculo" (1998), relatos; "Non volvas" (2000), novela, Premio da Crítica Española; "Trece badaladas" (2002), novela, adaptada libremente ao cine por Xavier Villaverde co título homónimo (2003) e Premio Nacional de Narrativa; "Morgún (Lobo Máxico)" (2003), novela; "Home sen nome" (2006), novela; "Sete palabras" (2009), novela; "Somnámbulos" (2014), relatos; "Fóra de si" (2018), novela; "Un señor elegante" (2020), novela; "O segredo de Joseph Haydn" (2024), novela; «Conta, Sherezade» (2025), novela e «Terra de sacrificio» (2025, novela). Escribiu, entre outros, libros de xornalismo e ensaio: "F.M." (1991), "Camilo Nogueira e outras voces. Unha memoria da esquerda nacionalista" (1991), "O país da brétema" (2000, Xerais 2016), "A carreira do salmón" (2001), "Nunca máis Galiza á intemperie" (2002), "Españois todos" (2004), "Ten que doer" (2004), "Outra idea de España" (2005), "Outra Galiza" (2008), "Inmateriais. Vidas da nosa historia" (2013), "Humildar. Rituais despois de deus" (2017), "Dentro da literatura" (2019) e "Descubrindo Ana Pontón" (2023). Publicou ademais a obra de teatro "Unha rosa é unha rosa" (1997, 2023) e "Servicio de urxencias" (2002), guións de televisión.
____
Editorial: Xerais 10-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 176
NARRATIVA
EDICIÓN LITERARIA
PIÑEIRO
CASTELAO