Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

SUCASAS: CAMIÑO E MITOLOXÍA. 2022-23

€30,00
ISBN

Trátase do catálogo da exposición que perdurará no tempo.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago abre as súas salas para acoller a obra do célebre artista Alfonso Sucasas. A sinerxía producida entre a visión da arte contemporánea e o fenómeno xacobeo alcanzan a súa máxima expresión da man do pintor lalinense.

«Sucasas. Camiño e Mitoloxía» está composta por unha coidada selección de 56 pezas que mostran a implicación do artista coa historia xacobea e o Camiño de Santiago. As obras expostas proceden principalmente do préstamo de S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, completando a serie con aportacións de coleccións particulares, da viuda do artista, do Parlamento de Galicia e da Casa de Galicia de Madrid. 

 A exposición conta co selo de calidade, da especialista en arte contemporáneo, Pilar Corredoira, comisaria da mostra.

SUCASAS. CAMIÑO E MITOLOXÍA

As pinturas, debuxos e bosquexos dos que podemos gozar nesta exposición corresponden fundamentalmente a etapa produtiva que desenvolve o artista entre 1992 e 1993, onde o Camiño de Santiago e a mitoloxía relixiosa supuxeron unha fonte de reflexión para o pintor Alfonso Sucasas.

A serie sitúa, nun mesmo plano, lendas e crónicas que se refiren ao ben, ao mal, a milagres e pasaxes relativos á alma humana, ao sobrenatural. O artista rescata figuras simbólicas e as coloca nun contexto contemporáneo, dotándoas dunha iconografía propia, á vez que as incorpora ao seu universo creativo.

A comarca do Deza convértese no escenario da súa obra, é o paraíso que lle dá cobertura habitual aos seus característicos personaxes creados a base de trazos fortes e concisos. O protagonismo da paisaxe podería responder ás súas preocupacións arredor da conservación do Camiño e a súa dignificación como espazo natural.  

Para a elaboración desta serie, o artista realiza un profundo traballo de investigación e estudo das imaxes que ilustran o camiño milenario en libros e códices. Como fixera anos antes, dirixiuse ás fontes históricas da pintura, á súa relación cos textos sacros. Revisou unha vez máis a obra de Masaccio, El Greco, Murillo ou Rafael Sanzio, quen, xunto a outros artistas máis próximos no tempo, contribuíron a asentar o seu propio estilo.

Sucasas, neste aspecto, canaliza os grandes asuntos da mitoloxía cristiá no ámbito da Ruta Xacobea, engadindo outros argumentos que se verán reflectidos nas pinturas creadas e referidas a momentos cotiáns das xentes que peregrinan a Compostela.

Ten unha relevancia especial para esta institución a serie de pinturas que se poderían denominar de tradición compostelá. Recordan os vínculos de Sucasas coa cidade na que viviu. O pintor penetra nos seus segredos e capta a riqueza do seu patrimonio arquitectónico e escultórico, os costumes das xentes, o ambiente das rúas e o reflicte nas súas obras.

ALFONSO SUCASAS (1940 - 2012)

Alfonso Sucasas (San Miguel de Goiás, Lalín, 1940 - Vila de Cruces, Ferreirós, 2012) iníciase como pintor na década dos anos cincuenta en Lalín baixo a aprendizaxe do profesor Carloandré López del Río. En Madrid continúa a súa formación á beira de Manuel Gutiérrez Navas.

En 1958 comeza o súa etapa americana en Venezuela e posteriormente en Río de Xaneiro e São Paulo. Nos seus destinos conecta cos círculos artísticos de vangarda do momento. Alterna a creación da súa obra pictórica co deseño para empresas de publicidade e leva a cabo escenografías para o teatro

En 1968 regresa a Galicia convencido da súa pertenza á cultura europea e cunha linguaxe asentada. Nesta nova etapa incorpora temas relacionados coas xentes populares e a paisaxe da súa terra. O seu propio estilo aporta unha innegable renovación ao panorama plástico peninsular naqueles primeiros anos da década dos setenta.

A partir dos anos noventa prodúcese unha renovación na súa obra. Promove a desenvoltura das figuras, nos definidos perfís e rostros ás veces sobrepostos e na conformación das siluetas. As cores acentúanse e corroboran o poder de comunicación dunha pintura que adquire un maior dinamismo e movemento. Por esas datas aborda a paisaxe dende unha consideración diferente.

PILAR CORREDOIRA

Pilar Corredoira, comisaria desta nova exposición do Museo das Peregrinacións e de Santiago, é unha das maiores especialistas en arte contemporáneo. A súa longa traxectoria e experiencia no comisariado de exposicións avala a calidade do seu traballo. De toda esa actividade queda constancia nos numerosos  libros e catálogos publicados.

Na actualidade forma parte da Xunta Directiva da Asociación Vía Circulo Jefferson, do Instituto de Arte Contemporánea e colabora, semanalmente, como columnista de arte no diario compostelán El Correo Gallego. 

____

Editorial: XUNTA DE GALICIA 07-2023
Idioma:  Galego