Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

O ENXOVAL DA NOIVA

€20,30
ISBN 9788411763479

Nos derradeiros días de 1501, a princesa Lucrecia Borgia, filla do papa Alexandre VI, casa por poderes en terceiras nupcias co vinculeiro de Ferrara, Afonso de Este. Para magnificar o acontecemento, o pontífice ordena adiantar ese ano a celebración do Entroido ao Nadal, exhibición de poder diante da curia, as grandes potencias de Occidente e as familias romanas.
Partindo de feitos e personaxes históricos, a novela deriva cara a unha alegoría, parábola ou parodia inspirada na tradición escatolóxica cristiá sobre o Final dos Tempos, espectáculo cósmico onde as forzas do Ben e do Mal se enfrontan ciclicamente. Anúnciase un novo tempo, coa destrución dos antigos valores, encarnados na figura do misterioso cabaleiro Tristán Britano, que acompaña a comitiva dos ferrareses. Ollada dende a actualidade, esta dimensión alegórica adquire, se cadra, un maior significado.

Unha novela que mesmo podería inspirar unha ópera italiana.
O papa Rodrigo Borgia celebra solemnes vodas para casar a súa filla Lucrecia co vinculeiro de Ferrara. ¿Quen é ese estraño cabaleiro que ven na embaixada dos ferrareses?
Esta novela sitúa o seu marco histórico e xeográfico no Renacemento italiano, máis concretamente no polémico pontificado de Alexandre VII, o Papa Borgia. A furia, a vaidade dos homes, a ambición e o disparate teñen carácter universal.

F. Freixanes, Víctor
(Pontevedra, 1951) é autor dunha esixente obra literaria, amplamente recoñecida e multipremiada, que vai dende os libros de xornalismo, Unha ducia de galegos (1976) e Memorias dun fuxido (1980), a novelas de grande envergadura, como O triángulo inscrito na circunferencia (1982), O enxoval da noiva (1989), A Cidade dos Césares (1993) e Cabalo de ouros (2010). 

Con fotografías de X. Vilar Cardona publicou en 1989 unha recreación literaria da cidade de Pontevedra, O día que perdemos o mar, e, con debuxos do pintor Xosé Freixanes, Unha avelaíña na lámpada (2009). De 2023 é o relato breve Asalto ao tren da Portela.

Esta novela, tal como se explica no limiar, naceu en parte animado polo exemplo de Ramón Otero Pedrayo en Fra Vernero (1934), pois en galego non temos por que renunciar a abordar temas universais alén do noso espazo cultural específico. O Renacemento italiano, as liortas no pontificado nos séculos XV e XVI, o conflito entre as potencias de Occidente hai cincocentos anos, os libros da Biblia, a Comedia de Dante…, tamén somos nós. Incluída a Apocalipse.

En 2017 foi elixido presidente da Real Academia Galega.

 

____

Editorial: Galaxia 10-2024
Idioma: Galego
Páxinas: 276
Col: Literaria 511