Ir a contenido
Gastos de envío para Galicia y España 4.45 €!
Gastos de envío 4.45€!

CORAZÓN DE CAN

€16,00
ISBN 9791399015027

Corazón de can sufriu a censura soviética, polo que en 1925 a súa publicación quedou restrinxida ao tipo de edición coñecida como samizdat, é dicir, copias clandestinas feitas case de forma amanuense e distribuídas só en círculos de confianza. Oficialmente, a súa comercialización na URSS non foi posible até 1987. Esa ocultación de décadas ten que ver coa visión incisiva que Mikhaíl Bulgákov ofrece da sociedade da época. Sexa como for, o libro tornou nun dos textos máis valiosos e corrosivos da literatura rusa do século XX.

A historia desenvólvese en Moscova, onde o profesor Filip Filíppovich Preobrazhenski, cirurxián especializado en técnicas de rexuvenecemento, decide experimentar coa implantación das gónadas e o cerebro dun delincuente no corpo dun can sen dono. Contra todo prognóstico, o animal sobrevive e evoluciona, convertido nun suxeito grotesco que responde ao nome de Poligraf Poligráfovich.

En clave satírica, a novela retrata a tensión entre a ciencia e a ética, entre a orde natural e a experimentación social, e entre o individuo culto e a brutana masa. O escritor, partindo dun enfoque alegórico, cuestiona os intentos de transformar a natureza humana por decreto político, e faino cunha ollada implacable sobre os excesos da utopía revolucionaria. No plano estilístico, cabe destacar a combinación da perspectiva omnisciente coa focalización en certos personaxes, quer o can, quer o doutor Bormenthal, a través do seu diario médico.

Mikhaíl Bulgákov naceu en 1891 en Kíiv. Era un dos varios fillos e fillas de dous profesores, así como neto de antigos cregos da Igrexa ortodoxa rusa. Finalizados en 1916 os estudos de medicina, exerce primeiro no hospital militar de Kíiv, logo como médico rural na provincia de Smolensk e máis tarde na cidade de Viazma.

Dende 1921, xa instalado en Moscova, colabora como folletinista en revistas e xornais, e non tarda en abandonar a práctica médica para se consagrar por enteiro á literatura e á dramaturxia. A este respecto, o éxito inicial da súa peza de teatro Dni Turbinikh [Os días dos Turbín] (1926), baseada na súa novela Bélaia gvárdiia [A garda branca], fixo que o propio Stalin reparase nel e mesmo o protexese en momentos puntuais da súa carreira. Porén, boa parte dos escritos de Bulgákov foron censurados, e viviu anos de frustración profesional, cunha constante dependencia de encargos menores e correccións de guións teatrais.

Aínda que as súas primeiras obras satíricas —sobre todo Rokovíe iáitsa [Os ovos fatais] (1924) e a presente Corazón de can (1925)— gozan dun recoñecemento cada vez maior, a súa novela máis célebre seguramente siga a ser Máster i Margarita [O mestre e Margarita] (publicada de maneira póstuma en 1967, pero escrita entre 1928 e a morte do autor en marzo de 1940), onde outra volta combina sátira política e fantasía nunha Moscova dominada polo medo e a burocracia.

A recuperación gradual das súas obras —en vida, só chegou a ver publicado en formato libro o opúsculo Diavoliada [Endiañada] (1924)— converteuno nun dos autores máis influentes da literatura rusa do século XX.

____

Editorial: Hugin e Munin 07-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 152
GRANDES CLÁSICOS
CIENCIA FICCIÓN
SÁTIRA SOCIAL