Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

A HERDANZA FERRAMONTI

€17,00
ISBN 9788412807530

Esta novela, a máis lograda de Gaetano Carlo Chelli, publicouse por vez primeira en 1883 na revista Cronaca Bizantina. O autor participa da estética do verismo, ao se inspirar na realidade para retratar os esforzos de pequenos empresarios e burócratas por se enriquecer e lograr o ascenso social e a respectabilidade. De feito, a obra apareceu ao tempo que saltaba á esfera pública o soado escándalo da Banca Romana, isto é, o primeiro gran caso de corrupción político-financeira en Italia.

A historia percorre as vidas dos Ferramonti e as artimañas dos membros máis novos para conseguir a herdanza do patriarca. Ambientada nas rúas do centro histórico de Roma, pinta un mundo no que se impoñen a falta de escrúpulos, a especulación bolsista, a hipocrisía e todo tipo de intrigas. Porén, a auténtica protagonista é Irene, nora do ancián Ferramonti, dotada dunha personalidade afastada do modelo de muller da literatura burguesa do XIX. Intelixente, autónoma, sedutora e experta nos negocios, logra impoñer o seu parecer nun contorno masculino, foxe da maternidade e da culpa, e móstrase capaz de agardar o tempo que faga falla para levar a cabo a súa vinganza.

Concibida dende unha perspectiva obxectiva e impersoal, a novela apóiase no carácter sentencioso das intervencións da instancia narradora, na dimensión coral que lle outorga a irrupción da óptica dos distintos personaxes e no uso do discurso indirecto libre. A herdanza Ferramonti conta cunha adaptación cinematográfica (1976) que recibiu o aplauso do público.

TRADUTOR/A:  Isabel Soto

Gaetano Carlo Chelli

Gaetano Carlo Chelli naceu en Massa, na Toscana, en 1847, no seo dunha familia burguesa. Tras realizar estudos na Escola Técnica e pasar polo exército, exerceu de xornalista en L’Apuano, onde se estreou como escritor de relatos. Aos vinte e sete anos trasladouse a Roma para traballar na Fábrica de Tabacos e, xa na cincuentena, pasaría ao Ministerio de Finanzas, o que lle permitiu coñecer moi ben o mundo que retrata nas súas novelas.

Pese a encadrarse no verismo, Chelli foi tamén un excelente coñecedor do naturalismo de Zola, o cal se reflicte na súa ampla obra, da que forman parte títulos como Fabia (1876) —a súa primeira novela—, Un’avventura di teatro (1879), Un romanzo di donna (1880), Incompabilità (1880), La colpa di Bianca (1881), Questioni di danaro (1882), Nevrosi (1883), Fantasie di quaresima (1884) ou Rancori (1885), entre outros moitos.

Destacou por ser un dos primeiros narradores da súa xeración en se decantar pola ambientación romana, co propósito de plasmar o rápido e desordenado desenvolvemento da cidade, o ascenso da burguesía, o seu arribismo e a falta de escrúpulos en cuestións de cartos. Porén, o seu labor caeu no esquecemento a partir de 1885, aínda que se redescubriría na segunda metade do século XX polo interese de persoeiros como Italo Calvino, Pier Paolo Pasolini ou o crítico Roberto Bigazzi.

Chelli morreu en Roma en 1904, vítima dunha parálise cardíaca.

_____

Editorial: Hugin e Munin 07-2024
Idioma: Galego