Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

Contén 700 especies recollidas en Galicia

O motivo fundamental desta guía é o de achegar ao lector á natureza para así coñecela mellor e, desde ese coñecemento, gozala, o que sen dúbida redundará nunha mellor conservación desta, algo tan necesario neste momento.

Comezamos cunha breve introdución ao reino Fungi, seguida dunha descrición detallada de 700 especies de fungos que podemos atopar en Galicia e, como non, cunha sección dedicada á gastronomía, na que non faltan consellos e receitas, desde a recolección, pasando polos distintos medios de conservación, ata a elaboración de distintos pratos. Ademais, esta guía dispón doutras seccións que axudarán a observar os detalles macroscópicos dun cogomelo para unha fácil determinación, así como a saber onde podemos buscar un cogomelo e cando é máis probable atopala.

Esta publicación é unha guía de consulta eminentemente práctica, útil para aquelas persoas que se queren introducir non coñecemento dous fungos que medran os diferentes hábitats presentes na nosa comunidade.

Pronto se cumprirán vinte anos da publicación daquela guía que, co título de Cogomelos de Galicia, editaba a Xunta de Galicia no ano 2003. Desde entón, esta obra foi protagonista de varias edicións e reedicións, tanto en galego como en castelán, sempre co ánimo de mellorar e actualizar os seus contidos; a última delas, Cogomelos de Galicia e do noroeste peninsular, fixo a súa aparición da man de Edicións do Cumio no ano 2013. Dous anos antes, tamén editado por Cumio, saíra da imprenta un segundo tomo, 500 cogomelos do litoral atlántico e noroeste peninsular, que completaba a nosa obra: unha síntese do noso traballo como micólogos de campo. Entre os dous tomos poñíase ao dispor do lector afeccionado
a descrición de 1.000 especies de cogomelos localizados no noroeste da península ibérica.
Vinte anos dan para moito. A micoloxía como disciplina científica avanzou a un ritmo imparable e os cambios teñen ás veces a velocidade da vertixe, sobre todo cando saen á luz resultados de recentes estudos moleculares. Tamén aumentou o número de asociacións micolóxicas e o de afeccionados ao estudo dos cogomelos. Xa non se trata soamente de adquirir coñecementos para colleitar cogomelos con fins gastronómicos sen medo a equivocarse, senón que hai un verdadeiro interese por acceder ao coñecemento científico. O que antes era tema para uns cuantos iniciados transformouse nun auténtico fenómeno social.
Nós tamén cambiamos. Somos máis vellos e quizais algo máis sabios, polo menos o suficiente para recoñecer e emendar erros pasados. De aí a necesidade desta Nova guía de cogomelos de Galicia que o lector ten nas mans, cuns contidos revisados, corrixidos e, na medida do posible, postos ao día. O que non cambiou foi noso principal obxectivo: que esta obra sexa unha guía de consulta eminentemente práctica, útil para aquelas persoas que se queiran penetrar no coñecemento dos fungos que crecen nos diferentes hábitats presentes na nosa comunidade.
Esta nova guía comeza cunha necesaria introdución ao reino Fungi, na que se explican conceptos que consideramos fundamentais para comprender o que vén a continuación, unha parte descritiva na que se detallan e ilustran 700 especies colleitadas en Galicia, fotografadas e estudadas por nós. Moitas delas son novas para Galicia, mesmo algunhas constituíron no seu momento novos achados para a ciencia, grans de area dos que non podemos deixar de enorgullecernos. A obra continúa cunha sección dedicada á
gastronomía micolóxica, un glosario de termos técnicos, unha bibliografía e un índice das especies citadas no libro.
Só quédanos animar ao lector para pasar as páxinas, a que goce das fotografías, a que lea detidamente as descricións das especies, que aprenda, en fin, que coñeza mellor este marabilloso mundo dos fungos que nunca deixa de sorprendernos.


 ___

Editorial: XUNTA 1-2024
Idioma: Galego

Páxinas: 829
Tamaño: 22x13 cm