Viaxeiros por Galicia

21,00

Galicia e a súa paisaxe, as súas xentes, caracteres e costumes, a riqueza monumental e artística xunto ao seu desenvolvemento social e económico ou o estado dos seus camiños e pousadas son temas aquí tratados, tomados todos dos viaxeiros-escritores non galegos que por esta terra se desprazaron dende unhas épocas afastadas no tempo.

Hay existencias

Porque sabido é que ao longo da Historia un gran número de ilustres viaxeiros foron deixando constancia escrita en forma de diarios, cartas, memorias, relacións ou relatos –cos elementos característicos e diferenciábeis que cada época marca–, das impresións e experiencias que Galicia lles suscitou.
Así o fixeron dende a Idade Media, dende a Europa dos santuarios e as peregrinacións, dende a Compostela fin de traxecto dunha das máis prodixiosas rutas de peregrinación, o Camiño de Santiago, sen o cal non se podería entender a proxección internacional desta terra, dende a súa catedral e o Liber peregrinationis alí conservado, primeira guía para camiñantes do vello continente.
Camiñantes, viaxeiros, heteroxénea masa de comerciantes, xograres, poetas, peregrinos e escultores, aristócratas ou plebeos, guerreiros, malandríns e eclesiásticos que, guiados por razóns diversas e dende os máis remotos lugares da terra, seguiron nos séculos posteriores elixindo Galicia como destino.
Até aquí chegaron tamén, xa polo XVII e deixando atrás a senda dos aventureiros, viaxeiros en misións diplomáticas e políticas, como simple acompañamento a un abade na súa visita aos mosteiros, como preceptores ou por motivos científicos ou de instrución, que tan amplo desenvolvemento acadarán despois cos viaxeiros ilustrados do XVIII, cobizosos de coñecemento e degoirados de traspasaren a realidade circundante, despregando todas as súas posibilidades de sentimento, pensamento e acción. No XIX o poder da razón é substituído polo dominio da subxectividade, e os viaxeiros románticos buscaron o exótico, o diferente, iniciando unha maneira de viaxaren que sería o precedente do noso turismo de masas… De todos eles e de todas as épocas, en fin, hai dignos representantes neste libro.
A escolma dos textos utilizada constitúe unha fonte moi valiosa de datos e unha curiosísima información sobre todos aqueles aspectos de cada día que escapan á historia dos grandes acontecementos, pero que conforman, xa que logo, o enleado da realidade cotiá.

Peso 0.2 kg