Esta mostra detalla o máis significativo do quefacer cultural de moitas desas cidades e vilas galegas, que deron os primeiros pasos para unha necesaria regaleguización, organizando cursos de lingua galega, ciclos sobre a historia de Galicia ou conferencias e coloquios dedicados a reflexionar, argumentar e debater sobre o teatro, o espallamento da obra literaria, o achegamento ao cinema e á música… Iniciativas e actividades que crearon novas redes de comunicación e abriron, así mesmo, relacións e espazos aos contidos culturais nos
medios de comunicación, a saber, na prensa impresa e na radiodifusión, pois daquela a televisión aínda ficaba lonxe. Esta exposición trata pois de recoñecer e difundir o traballo das xentes e dos colectivos pioneiros do asociacionismo cultural, poñendo en valor aquel legado e incorporando eses activos a este tempo noso.