Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

TERRA E ALMA

€22,00
ISBN 9788469766545
En Terra e Alma conxúganse dous elementos esenciais da nosa vida, perfectamente concibidos e representados por Moisés, músico e mestre de músicos, ademais de profundo coñecedor da nosa tradición musical, que nesta obra nos achega a ese ar tan coñecido, e ao mesmo tempo tan descoñecido, que é o Alalá.

Un traballo documental que percorre os espazos e visita ás persoas, no que o autor ofrece un retrato espido do estado actual dun modo de vida, ligado ao mundo agrario e preindustrial que busca, a duras penas, sobrevivir. Con este primeiro volume titulado Terra e Alma, un proxecto de Moisés Quintas que conta coa colaboración de Carlos Valcárcel e o Consello da Cultura Galega, Editorial Canela inicia a nova colección “Aires da Terra”, na que pretendemos incluír recreacións da música popular tradicional onde, coma neste caso, os autores aporten a súa sensibilidade e o seu respecto por ela. A colección comeza cun senlleiro canto da nosa sociedade tradicional, un canto que non precisa doutro acompañamento máis que o propio ritmo da respiración, do corpo, do camiñar ou do traballo que exerce quen o entoa. Un canto caracterizado, entre outros elementos que explica o autor no libro, polo seu aire lento e moderado que nos transporta á inmensidade da terra cun son abrollado da propia alma, unha suave cadencia que nos leva polo noso interior cara a un lugar sublime; polo emprego dos melismas suscitados na emisión de varias notas sobre calquera vogal incluída na letra do cantar... Un canto que permite a improvisación e a recreación, o gozo ou, mesmamente, a inventiva efémera do cantor nese pequeno recullo ou na inmensidade onde se encontra consigo mesmo. En Terra e Alma conxúganse dous elementos esenciais da nosa vida, perfectamente concibidos e representados por Moisés, músico e mestre de músicos, ademais de profundo coñecedor da nosa tradición musical, que nesta obra nos achega a ese ar tan coñecido, e ao mesmo tempo tan descoñecido, que é o Alalá. Ademais, e como luxoso adobío, o fotógrafo Carlos Valcárcel aporta unha escolma de fermosas imaxes, inmortalizadas por el nas décadas dos anos 60, e 70 do século pasado, que poñen de manifesto o sentir da música escollida por Moisés. A través deses instantes pasados inseridos no papel é posible asistir á historia do pobo, a uns tempos que foron e que aínda se senten estar. Unhas imaxes nas que se revive con autenticidade e sen retoques a realidade da cultura popular tradicional, a dos oficios, os traballos, as paisaxes... O libro vai acompañado por un CD no que se recrean os alalás, adaptados a diversos instrumentos musicais que reproducen as melodías ou as harmonías e que son acompañados de diferentes ambientes sonoros naturais cedidos para esta ocasión polo Consello da Cultura Galega. No que abre o disco aparece tamén a voz, constituínte imprescindible dos alalás tradicionais, que os galegos utilizaban como exclusivo instrumento para a execución deste aire musical, como se pode apreciar no que pecha o CD, interpretado "a capella" no seu máis puro estilo popular. E, no anterior, quedará rexistrada para sempre a palabra da propia nai do autor, principal informante e referenza musical, tamén, do músico.          

____

Editorial: Libros Canela
Idioma: Castellano