Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

RELATOS PARA TELEVISIÓN

€17,00
ISBN 9788491214588
Unha curtametraxe -acerca do paradoxo da literatura como parte da vida- serve de portal a outros once relatos escritos para televisión. Algúns gardan desenlaces sorprendentes e, igual ca un tapiz, fíos que só cobran sentido a través da distancia. Calquera orde de lectura é a correcta.

O conxunto semella inclasificable: a área de descanso da autovía Madrid-Vigo convertida en zona cero dunha invasión alieníxena, un vampiro existencialista que compra compulsivamente, un neno coa capacidade de ver constelacións dentro dunha saia, dous sinistros emprendedores, unha viaxe ao fondo lendario do mesmo atlántico que mudará en épica a distopía. Sobre as rúas de Artabria, en realidade tamén baixo o seu formigón gris, conspiran organismos biocibernéticos -ás veces entrañables, ás veces letais- e un conto deste libro ben podería ser o primeiro do noso idioma deseñado e escrito a partir dunha app, afirmou o autor nunha entrevista. Diversas idades no espazo urbano que abala de Ferrol á Coruña enmarcan, ademais, certa alegoría política desde a ollada xuvenil e marxinal, un sórdido matrimonio que prepara o advento do Anticristo ou ese banquete familiar de clase alta que oculta un terrible segredo. Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola universidade compostelá, comeza a exercer como ensinante en 1989. Integra os colectivos Ronseltz (Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, 1994) e Redes Escarlata (Xuro que nunca volverei pasar fame, 2003). Publicou os poemarios Arianrod (1993), Fruto do teixo (1994), Afásia (1997), A vella peneira a noite (2001) e transmuta (Xerais 2012). O resto da súa obra espállase en xornais (O Correo Galego, Galicia Hoxe, Vieiros), revistas (A Trabe de Ouro) e medios políticos e sindicais. Compón letras para o grupo Luar na Lubre e participou como guionista no telefilme de Antón Dobao A mariñeira. Actualmente vive no Corgo (Lugo) e traballa no IES da Terra Chá. (Fotografía: Sabela Cordal)
 

____

Editorial: Xerais
Idioma: Gallego