Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

RANIERO FERNÁNDEZ

Agotado
€19,50
ISBN 8487882080
Raniero Fernández vai ser o principal dinamizador da fotografía afeccionada en Galiza na década dos cincuenta e na primeira metade dos sesenta, actividade impulsada polas agrupacións fotográficas que xorden neses anos.

A primeira destas asociacións, a Agrupación Fotográfica Gallega (Vigo, 1946), realiza a súa actividade máis intensa baixo a súa presidencia, a partir de 1954, organizando todos os anos un “Salón Nacional”, posteriormente “Ibérico”, numerosos concursos sociais para os membros da sociedade e exposicións como a de Otto Steinert. Tamén impulsou “El Banco del Celuloide” ou “Cinemateca”. Preside o Cine-Club Vigo dende a súa fundación a comezos dos sesenta ata o ano 77. O período de maior actividade da agrupación coincide coa realización da parte máis importante da súa obra fotográfica. Mediada a década dos sesenta a actividade da agrupación diminúe, desaparece o boletín e mingua a actividade concursística. Cando en 1969 deixa a presidencia, a actividade fotográfica da agrupación era practicamente inexistente. A súa obra fotográfica, como a dos demais fotógrafos afeccionados, caracterízase por unha gran preocupación formal propia do academicismo que imperaba nas concepcións estéticas das agrupacións, prestándolle unha especial atención á composición das imaxes, tanto ao encadre no momento da toma como ao labor posterior no laboratorio. Para el o traballo no laboratorio é un complemento imprescindíbel. A elegancia das composicións das súas imaxes é produto do distanciamento á hora de realizar as fotos, procurando pasar completamente desapercibido, o que lle permite “dar unha maior realidade á foto”, recordándonos o posicionamento de Cartier Bresson “se un se fixo notar debe abandonar a foto”. As súas imaxes teñen en común tamén coas de Cartier a xeometría das composicións, coa diferencia de que son moito máis estáticas, sendo as persoas consideradas en moitos casos como elementos da composición formal. Malia a paisaxe ter sido a temática máis tratada polos fotógrafos non profesionais, Raniero non se sente especialmente atraído por ela, e os efectos de luz (néboas, nubes tormentosas…) tan característicos desa época, úsaos en poucas imaxes. Realizou non obstante algúns nocturnos, como os de Santiago e do Berbés que mandaría a diferentes concursos, debido a importancia que se outorgaba a este xénero. Para el na fotografía “ten que haber algo que teña vida”, polo que se sentía moi atraído polo ambiente do porto pesqueiro de Vigo, definindo o Berbés como “un couto de caza fotográfico excepcional”, definición que alén da atracción polo lugar amosa claramente o seu concepto de fotografía. A maior parte da súa obra, como a de Manuel García Ferrer, é máis viva que a maioría da realizada nas sociedades fotográficas, medrando co tempo o seu interese dende o punto de vista documental. As fotos do Berbés, como as do fútbol de Ferrer, non gañaban premios, non correspondían co que se entendía por “fotografía artística”, de feito aos concursos mandaban outras máis bucólicas baseadas en moitos casos en efectos de luz. Son imaxes que nalgúns casos poden ser consideradas, nalgúns aspectos, próximas á denominada fotografía humanista que tivo o seu punto álxido en The Family of Man, exposición que Raniero vira nunha das súas viaxes ao estranxeiro, conservando o libro que se editou como catálogo, e sobre a que a AFG fixo unha proxección no seu local social. Na fotografía de Raniero, e especialmente no traballo do porto de Vigo, hai preocupación pola persoa humana mais nunca pretende amosar conflitos nin insinuar a máis mínima crítica social. A sociedade preséntase tan apracíbel a nivel social como equilibrada a nivel formal, sendo totalmente consistente coa súa visión conservadora do mundo. Nos sesenta e principios dos setenta realiza unha serie sobre os hórreos e outra sobre os cruceiros, “o humano e o divino”, moi distantes a maioría das tradicionais paisaxes realizadas no marco das asociacións, cunha intencionalidade descritiva e catalogadora. Os hórreos, a súa morfoloxía e os materiais usados, as transformacións que sufriron e a confrontación entre os diferentes tempos a que parecen responder, son os protagonistas exclusivos da imaxe. Con similar intención realizou series sobre ourivesaría relixiosa (cruces, cálices, botafumeiros…) dunha coidada realización técnica. Fronte á reivindicación histórica do pictorialismo de considerar a fotografía como arte, Raniero defende, con certa humildade, o carácter de “ciencia artística” afirmando “que non require cualidades especiais, simplemente que algo che chame a atención e ter certo gusto para o encadre”. Ese “algo” que lle chamou a atención, hoxe permítenos a uns recordar e a outros descubrir diferentes aspectos do pasado. Manuel Sendón Xosé Luis Suárez Canal

____

Editorial: Centro de Estudios Fotográficos|Centro de esturios fotográficos
Idioma: Gallego