Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

PAZO DE TOR

€12,50
ISBN 9788416460458
Aos seus 96 anos de idade, publica novo libro unha das voces máis destacadas da poesía galega das últimas décadas. En Pazo de Tor, Luz Pozo Garza viaxa ás orixes familiares dos Garza, situadas neste magnífico edificio barroco enclavado nun lugar privilexiado do Val de Lemos.

Inspirándose neste espazo histórico e xeográfico, a poeta compón trinta poemas nos que, unha vez máis, demostra a capacidade da súa pluma excepcional, fóra de calquera tempo ou moda. O coidado da edición corre a cargo da profesora Carmen Blanco, especialista na poeta, e o limiar asínao o escritor, editor e presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. «O lector debe entrar no verso deixándose levar –escribe Freixanes–, descalzo, espido de precaucións e entregado a cada paso que, de vagariño, nos conduce pola escada de luz, coma nos antigos místicos, coma os pitagóricos, cara ao non nomeado, a música das esferas, que non se pode describir, mais debemos limitarnos a sentila». Carmen Blanco, na súa nota editorial, exclama:  «A soidade é a vitoria. Luz Pozo Garza. Lucidez. Profundidade. Clasicismo. Tamén Luz Pozo. Poética iluminista de luscofusco. E Garza. Sensual poética erótica mística. Luz. Licenzas. Unha mestra. Unha clásica: a ave da luz sabe onde está o norte? ou “Nin sabe acaso nada...”. Pazo de Tor de Luz Pozo Garza. Pazo Garza Pozo». Luz Pozo Garza  (Ribadeo, 1922) Iniciou a súa obra en galego en 1952 coa publicación de O paxaro na boca, libro ao que seguirían outros títulos como últimas palabras /verbas derradeiras (1976), Códice Calixtino (1986), Vida secreta de Rosalía(1996) ou Rosa tántrica (Alvarellos Editora, 2016). Membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao, Socia de Honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en 2013 recibiu o Premio da Cultura Galega e en novembro de 2018 foi nomeada Filla Adoptiva de Viveiro. Os seus versos foron traducidos ao portugués, catalán, francés, inglés, alemán, húngaro, ruso ou xaponés.  

____

Editorial: Alvarellos
Idioma: Gallego