OS ÚLTIMOS CARBALLOS DO BANQUETE DE CONXO

18,00

Un xantar que fixo historia no bosque que fascinou a Rosalía de Castro.

Solo quedan 2 disponibles

Por vez primeira, una publicación aborda, de maneira monográfica, a historia do célebre Banquete de Conxo de 1856. Catro autores escriben sobre este histórico acontecemento e o espazo que o acolleu, nun novo volume de Alvarellos Editora en colaboración co Consorcio de Santiago.

O bosque e o río que fascinaron a Rosalía de Castro. O histórico mosteiro que visitou García Lorca en 1916. O souto que versou, na bruma do século XIII, o trobador Joam Airas. A devoción dos peregrinos pola Virxe da Cuncha…

Todos estes feitos figuran concentrados nun espazo concreto ao sur de Compostela: a esquecida carballeira do Banquete de Conxo.  Nela, un domingo 2 de marzo de 1856, viviríase un feito insólito: a celebración dun banquete democrático onde brindaron xuntos, pola liberdade e a fraternidade, estudantes e obreiros. De aquí xurdirá a xeración que logo vai promover o Rexurdimento da cultura galega.

O libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo, publicado por Alvarellos Editora (en colaboración co Consorcio de Santiago), percorre aquel espazo mítico no actual barrio de Conxo. Un paseo —ilustrado con 60 imaxes entre fotografías actuais e históricas, debuxos, e un gran plano xeral de situación— polas voces e os nomes que o alimentaron, e polo bosque que aínda vive nel. Porque neste terreo, nas marxes do río Sar, resiste unha fraga onde se erguen, posiblemente, os últimos carballos centenarios do Banquete de Conxo, testemuñas vivas de acontecementos únicos na historia de Galicia.

CATRO AUTORES

Catro autores abordan, dun xeito transversal, a historia e o espazo do Banquete de Conxo. O xornalista e editor Henrique Alvarellos realiza, á parte da coordinación desta edición, unha singular crónica a través de aspectos moi pouco coñecidos ou pouco divulgados de Conxo, do seu esquecido bosque, e do seu Banquete, como foi a presencia no Mosteiro en 1916 de Federico García Lorca, a homenaxe ao Banquete que tributou a colectividade galega exiliada e emigrada a América en 1956, ou a firme denuncia que faría Rosalía de Castro en 1882 despois da tala masiva de carballos.

O filólogo e especialista no Rexurdimento, Xurxo Martínez González, revela as claves, o contexto político e cultural, do Banquete. O historiador Francisco Singul descúbrenos as orixes do Mosteiro de Conxo, en cuxa finca desamortizada se celebrou o acto, deténdose na súa vinculación co Camiño Portugués a Santiago e co culto centenario á Virxe da Cuncha. E, finalmente, o biólogo Martín Souto lévanos a percorrer o bosque que aínda resiste pé do río Sar, analizando e medindo as árbores centenarias.

Autor

VV.AA.

Año edición

2016

Editorial

Alvarellos

Idioma

Galego

ISBN

978-84-16460-12-0

Nº de páginas

156