Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

MURGUÍA Nº 37

por VV.AA.
€13,00
ISBN 97716969197
Reviasta galega de historia. Co presente volume Murguía, Revista Galega de Historia celebra o seu quince aniversario. Década e media na que, ininterrompidamente desde 2003, saíu do prelo esta revista centrada no pasado de Galiza; sumando máis dun cento e medio de investigacións, así como ducias de libros recensionados, museos visitados, entrevistas realizadas ou documentos transcritos e socializados, entre moitos outros contidos .

Realidade imposíbel de realizar sen a túa confianza e seguimento, lector, lectora.

Como observarás, quixemos celebrar este aniversario cun cambio de imaxe, que agardamos sexa do teu agrado. Un cambio de imaxe que se pon ao dispor da mesma liña que até o momento presidiu esta publicación, única no seu xénero. Agardamos poder celebrar unha outra década e media contigo, desexando que sigamos a ser de utilidade en favor do coñecemento histórico do noso país.

Nestas primeira liñas deste novo volume, así mesmo, congratulámonos polo lanzamento da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, co apoio decidido do Concello da Coruña. Dirixida polos profesores Xosé Manuel Carril Vázquez e Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, é a primeira Cátedra destas características de toda Galiza (e a segunda que existe no Estado español); centrando os seus esforzos, de inicio, en analizar a represión e ditadura franquista desde a perspectiva da Historia, o Dereito e a Socioloxía, con especial atención á cuestión social e de xénero, segundo teñen manifestado os seu s responsabéis. Dámoslle a noraboa á UDC e aos seus impulsores, así como aos seus e ás súas integrantes, por unha iniciativa tan necesaria, confiando en que teña unha longa e produtiva vida.

Abrimos o presente número de Murguía, Revista Galega de Historia cun texto inédito, na secciónFontes, referido ao nacemento do Galeuzca (1933), presentado por Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, director da publicación e profesor da Universidade da Coruña. A seguir, na sección Investigacións finalizamos a edición de textos derivados do III Galeusca Historia (desenvolvido na Coruña por volta do verán 2015). Eduardo J. Alonso Olea, Aritz Ipiña Bidaurrazaga e Jon Penche, profesores e investigadores da Euskal Herriko Unibertsitatea, achégannos, respectivamente, ao exilio interior vasco a partir da abolición do Concerto Económico (1937), así como ao exilio do persoal municipal e provincial de Bizkaia (1936-1977) e á figura de Juan Gracia e o exilio vasco en Franza. Á súa vez, Carlos Velasco Souto, profesor da Universidade da Coruña, e Xulio Prada, profesor da Universidade de Vigo, respectivamente, analizan o exilio galego alén mar e o exilio galego no interior, pondo ambos o epicentro das súas achegas no galeguismo. Montserrat Duch Plana, catedrática da Universitat Rovira i Virgili, reflexiona arredor da inmigración no sistema catalán de reproducción e Giovanni C. Cattini, profesor da Universitat de Barcelona, preséntanos un breve ensaio sobre mitos e tradicións na configuración dos nacionalismos galego, vasco e catalán. Conversamos en A Entrevista con Alexandra Cabana Outeiro e Uxío-Breogán Diéguez, con motivo do quince aniversario de Murguía, RGH. Reproducindo, en Lembranzas, o memorándum de Catalunya dirixido, desde París no 1946, a Nacións Unidas da man de Josep Irla i Bosch, presidente do Parlamento catalán (1938) e da Generalitat de Catalunya (1940) no exilio.

Visitamos a Biblioteca histórico-militar da Coruña, nas páxinas de Museos, Arquivos, Bibliotecas e Lugares. Na sección Lecturas recensionamos as obras Galicia 1975–1979. A intimidade da imaxe. AnnaTurbauOs nomes do terror: os verdugos que nunca existiron e A paisaxe da nación. Ideoloxia en imaxes da pintura galega de 1912 a 1930, da man de Gustavo Hervella, Prudencio Viveiro e Uxío-Breogán Diéguez, respectivamente. Visitando en A Rede os sitios-e do Arquivo do Reino de Galiza, do Euskadiko Artxibo Historikoak e do Arxiu Nacional de Catalunya


____

Editorial: Instituto galego historia
Idioma: Gallego