LIBRO DO PORTOVELLO

25,00

O Portovello, situado na marxe dereita do Miño, preto da desembocadura do río Loña, foi o máis antigo dos dous portos fluviais que servían á cidade de Ourense, e vía principal para o paso de mercancías, fundamentalmente viño, cara a Compostela.

 

Hay existencias

Coa reconstrución da Ponte a mediados do século XIII, perde boa parte da súa importancia como vía de paso, protagonismo que recupera en 1431 cando se derruba o arco central da ponte e esta queda intransitable. É neste contexto no que se redacta o Libro do Portovello [ACO] para recoller a documentación do preito no que o cabido e o bispo aurienses disputan o control da barca do Porto Vello e das rendas de pasaxe derivadas do seu uso. O Libro , redactado en galego e, en menor medida, castelán, cunha estilizada letra cortesá, recolle trinta documentos, datados entre 1394 e 1431, estruturados en tres bloques. O primeiro inclúe o nomeamento dos homes bos que actúan como xuíces árbitros do preito e a presentación de procurador, testemuñas e documentación das partes; o segundo está centrado na probanza coa declaración das testemuñas do bispo, e o terceiro recolle a sentenza a favor do cabido, o acatamento do procurador do bispo e a toma de posesión da barca realizada polos representantes capitulares.

Libro do Portovello forma parte da colección Gallaeciae Monumenta Historica do Consello da Cultura Galega, dedicada á edición de textos documentais medievais. É herdeira da vella serie de Fontes documentais para a historia de Galicia, editada en papel, coa que a institución, desde os seus comezos, foi poñendo a disposición dos investigadores un rico acervo de textos medievais galegos, distribuídos por todo o arco temporal e procedentes de toda a xeografía de Galicia.

Os textos medievais galegos editados, dentro e fóra da nosa colección, son só unha parte mínima dos “moitos carros de instrumentos galegos” —en expresión do padre Sarmiento— que agardan ser desvelados.

Eles agochan as angueiras da vida cotiá, as preocupacións sociais e as vicisitudes históricas dos nosos devanceiros; tamén o día a día da evolución da lingua.

É por iso unha tarefa á que cómpre dar continuidade, con edicións realizadas por especialistas e de acordo cos estándares científicos ao uso, e a iso quere seguir contribuíndo a colección Gallaeciae Monumenta Historica. Trátase, en última instancia, de dar cumprimento a un dos mandatos fundacionais do Consello de Cultura Galega: facer accesibles á cidadanía de Galicia os produtos máis valiosos da cultura propia e universal.

A colección é homónima do proxecto Gallaeciae Monumenta Historica, un recurso colaborativo que permite achegarse á documentación medieval á procura dos propios textos e da súa forma lingüística, mais tamén, mediante un rico sistema de buscas, obter información sobre persoas, lugares e unha relación de materias. Ofrécese en aberto e achega, ademais, un conxunto crecente de textos complementarios sobre a sociedade e escrita medieval ou de teor metodolóxico.

O lugar do Portovello

O Portovello é un dos varios lugares polos que se podía cruzar o río Miño na Ourense medieval, á parte da vella ponte, sempre pagando peaxe. Polo vao, podía pasarse a pé, con maior ou menor dificultade, especialmente na estiaxe do verán. Pero ademais o Portovello é un porto fluvial, no que tamén andaban barqueiros trasladando dunha beira a outra persoas, animais e mercadorías.

O preito que recolle o Libro do Portovello xorde a raíz da importancia que cobra este paso cando un dos arcos da Ponte de Ourense colapsou .

O único vestixio actual do Portovello é a ermida protectora construída preto do paso que, coma noutros casos, atraía a devoción de camiñantes e outros fieis.

Peso 0.500 kg
Autor

Beatriz Vaquero Díaz, Francisco Javier Pérez Rodríguez

Idioma

Galego

Nº de páginas

143

ISBN

978-84-17802-15-8

Encuadernación

Tapa blanda

Año edición

2020

Editorial

Consello da Cultura Galega

Prazo de entrega

EXISTENCIAS

SI