GRIAL 214

GRIAL 214

12,00

Nas fronteiras da literatura.

Categorías: , Etiqueta:

A literatura é un produto da creación, mais tamén de comunicación, produto industrial e de mercado, fronteirizo coas artes aplicadas do deseño e as estratexias varias que van dende a persuasión comercial á descuberta ideolóxica, a especialización de xénero ou mesmo a cartografía. Este número 214 de GRIAL ten algo de miscelánea, tal como adianta na Carta do Editor: viaxe compartida polas fronteiras do feito literario, entendido este dende unha perspectiva moi aberta e dende unha óptica moi variada, case que pluridisciplinar.

Velaquí unha proposta moi aberta que vai dende a exploración histórica, achegándonos aos principios da modernidadeo e do novo pacto social que se establece en Occidente despois  da Revolución das Luces sobre todo, coa aparición da muller na literatura (a través dun xénero moi específico, os relatos de fadas, curiosamente), ata aspectos de metodoloxía e crítica literaria, como os story maps, con referencias específicas á cidade de Compostela, ou o universo dos paratextos e os mecanismos de persuasión comercial, que son tamén mecanismos de comunicación, neste caso centrado no deseño ou na linguaxe das cubertas dos libros.

GRIAL procura olladas novas: Aurora Ballesteros Fernández, Carlos Lema, Víctor F. Freixanes e María López Sández propoñen lecturas diversas arredor do feito literario, tanto dende a perspectiva dos contidos (e do xénero) como dende a metodoloxía critica e as estratexias da industria da comunicación e do deseño.

Asemade, continuamos coas achegas á figura de Carlos Casares, a quen este ano a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas. Ricardo Gurriarán , Xosé R. Quintana, Xosé M. Dasilva e Camiño Noia ofrecen novos datos para a comprensión da obra e a biografía de Casares, dende os seus anos de formación e a primeira militancia universitaria a aspectos máis concretos da súa obra como a relación de certos títulos coa censura.

Ademais das seccións habituais de Creación, Crónica e Crítica de libros (O espello das letras) incorpramos varios ensaios sobre Comunicación e Sociedade (O legado de Kaynes),e  Fotografía e Artes Visuais (A cada quen o seu Guernica), sempre na idea de concebir a cultura como un espectro amplo de luces e de temas.

Peso 0.100 kg
Autor

VV.AA.

Idioma

Galego

Nº de páginas

156

ISBN

9770017418068

Año edición

2017

Editorial

Galaxia