Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

FÓRA DE MAPA

€10,00
ISBN 9788498122985
Venecia finais do século XV. Unha noite, un banqueiro e asasinado na cidade.

Os rumores sitúan un taller de mapas no centro das sospeitas. En pouco tempo mudarán as vidas de persoas de moi diferentes orixes e estratos mentres xiran arredor dun crime cada vez máis escuro. Unha intriga coral que amosa unha Europa en plena transformación, cando entre mapas, publicacións, obxectos preciosos, comercio internacional e escravismo ensáianse algunhas das bases do capitalismo global que chegará ata os nosos días. Así queda resumida a historia gañadora do Premio Castelao 2016 de banda deseñada. Tres autores de prestixio, Miguelanxo Prado, Juan Díaz Canales e Jorge González Varela, integraron o xurado presidido pola responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, e que decidiu, por unanimidade, o verán pasado, que o premio nesta edición fose para a obra “Fóra de mapa”, de Emilio Fonseca Martín. Unha obra sobre a que destacaron o seu rico guión, “ben documentado e estruturado” e o seu debuxo “eficaz con moi bos recursos expresivos e bo tratamento da imaxe que provoca unha lectura fluída e engaiolante”. A obra foi presentada esta mesma semana na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago. Emilio Fonseca Martín (Ourense, 1978), é licenciado e investigador en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid. Ten traballado no ámbito do vídeo, a animación e a ilustración. Entre outros, dirixiu o documental “Queimar o monte”, sobre os incendios forestais en Galicia e realizou o cómic “Verde Invisible”, sobre o Gran Chaco latinoamericano. Con demasiada frecuencia, adoitamos utilizar o adxectivo “apaixonante” como inseparábel com-pañeiro da palabra “aventura”. Mais o feito é que poñelas xuntas non garante en absoluto que a devandita maridaxe se faga extensiva ó contido que describen. Ás veces por cuestións obxectivas, como o exceso de tópicos, a repetición de esquemas ou a ausencia de contidos. Outras veces por razóns puramente subxectivas: cada individuo atopa as súas paixóns en motivos e lugares diferentes. No meu caso, considero unha aventura apaixonante aquela que poña en xogo estes elemen-tos: personaxes fortes e interesantes, un momento histórico suxestivo e, a poder ser, unha reflexión de fondo sobre a sociedade, a política e a alma humana. Desfrutar e pensar ó tempo. Quizais parece que pido demasiado e non obstante todo isto é o que atopei en “Fóra de mapa” de Emilio Fonseca. Unha apaixonante aventura. Para situármonos, a acción desenvólvese a finais do século XV durante o Renacemento e coa cidade de Venecia como pano de fondo. O fondo pode que nos soe familiar, pois trátase dun período de cambio acelerado durante o cal o mundo comezou un proceso inexorábel de globaliza-ción no sentido máis literal da palabra, grazas ó pulo de ousados navegantes, ó traballo dos eruditos e ás manobras de desapiadados comerciantes andando ó paso marcado por gobernantes de ambición desmedida. A modo de brillante traxicomedia (a maneira máis fiel coa que se pode facer ficción sobre a realidade), Emilio Fonseca preséntanos o eterno conflito entre os que senten que a humanidade ten que perseguir un obxectivo común por enriba das fronteiras e os que teñen como único obxectivo o beneficio propio ou o do seu clan. Unha confrontación que se converteu nun asunto planetario a partir daquela portentosa época, na que nun corto período de tempo se inventou a imprenta, descubriuse América e fixéronse as primeiras circunnavegacións do globo. Atreveríame a dicir que o antedito o conflito dura ata os nosos días. Na actualidade os cartógrafos substituíronse por complexas tecnoloxías de xeolocalización, pero no fondo a loita por controlar a información e por tanto o poder, vén sendo igual de descarnada. Cinco séculos máis tarde, a fenda entre as diferentes maneiras de entender o progreso e a humanidade segue aberta. Por moitos GPS que teñamos, as necesidades e as paixóns humanas son poucas e recoñecíbeis dende a noite dos tempos. E se non me cren, só teñen que xirar a páxina e adentrarse nas escuras rúas de Venecia…

____

Editorial: Deputación da Coruña
Idioma: Gallego