O diálogo entre ambos enriquécese progresivamente na medida en que entran en xogo as claves para definir a identidade dos «fillos da terra», mulleres e homes que secularmente contribuiron a humanizar ata límites insospeitados unha paisaxe aparentemente natural, que forma parte do Parque Nacional de Peneda-Gerês. A base económica agrogandeira, como tamén a propiedade da terra ou as relacións sociais
e familiares trenzadas ao redor delas, reforzadas e sancionadas polas actividades dos ciclos festivos, contribúen a presentar ao lector un universo onde el mesmo, o habitante, é construtor e usuario dun escenario, un ecosistema artificial, que ao tempo lle serve de referencia e identificación en calquera parte
do mundo.