A índole das súas primeiras producións poéticas e colaboracións públicas na etapa xuvenil revelan un Xosé Mª Díaz Castro identificado de cheo cunha ideoloxía politicamente reaccionaria, neoescolástica e nacional-católica da que se enchoupa nas aulas do Seminario de Mondoñedo e no seu propio medio social e familiar. A súa militancia contra a República e contra os valores progresistas transloce no tipo de publicacións coas que colabora antes do 36 e no contido, explícito moitas veces, dos versos feitos neses anos, tanto éditos como inéditos. A ausencia neste mesmo período de toda relación cordial co galeguismo, mesmo co de corte confesional, resulta tamén unha evidencia que obriga a repensar as pautas e tempos da traxectoria do autor de Nimbos.