Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

CHANÉ NA HABANA

€20,00
ISBN 843656493572
Chané na Habana é o novo espectáculo musical d’aCentral Folque que xunta a un grupo de artistas do mundo do jazz, a clásica e o folk, reunidos especialmente para reinterpretar o repertorio de José Castro “Chané” no centenario do seu pasamento. Alejandro Vargas Consort & Camerata Egeria coa cantante Rosa Cedrón súbense ao palco para tocar, cantar e gravar as cancións do xenial compositor galego.

Co obxectivo de ofrecer unha visión nova e desprexuiciada do clásico galego abórdase a súa obra dunha forma inédita: desde o sentir musical cubano. Chané viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana, onde morreu. Hoxe, cen anos despois da súa morte, son unha selección de extraordinarios músicos liderados polos cubanos Alejandro Vargas e José Manuel Díaz os que abrazan e reelaboran o seu repertorio para devolvelo con unha nova vitalidade ao maxín popular galego. O grupo tocará en concerto exclusivo nas festas do Apóstolo na praza da Quintana (29 de xullo) e nas da Coruña na praza de María Pita (4 de agosto) e gravará un disco que se publicará no outono de 2017. Esta produción está promovida polo Concello de Santiago, o Concello de Coruña e a Deputación Provincial da Coruña co apoio do Auditorio de Galicia e a Radio Galega. Centenario da morte de Chané No ano 2017 celébrase o 100 aniversario do pasamento de José Castro Chané (1856-1917). Paradigma do romanticismo musical galego, Chané é un dos compositores galegos imprescindíbeis de fins do século XIX e principios do XX fundamentalmente por ser un dos artífices da creación da Canción Galega de Concerto, do movemento coral contemporáneo e en definitiva da Música Popular Galega. Na súa obra conxúganse elementos estilizados tomados da música tradicional galega e as formas puramente románticas como a Balada. Tres son as cidades fortemente ligadas a súa vida. Santiago de Compostela, onde naceu e adquiriu formación musical da man do seu pai (o primeiro Chané), A Coruña, onde se estabeleceu unha vez consagrado como o músico galego máis popular do momento, e A Habana onde desenvolveu os seus últimos anos de andadura convertido nunha lenda en vida. A celebración desta efeméride é unha oportunidade para promover un extenso programa musical no que estean implicadas diferentes administracións galegas xunto aos principais festivais de música e outras organizacións culturais, co obxectivo de divulgar de maneira eficaz e unificada a obra do xenial compositor galego. Concertos e gravación Esta produción é un espectáculo musical singular producido por aCentral Folque (Compostela) que será presentada en dous concertos en Galiza (Santiago de Compostela e A Coruña) encadrados dentro das festas patronais das dúas cidades chanelianas. O Concerto de Santiago celebrarase o 29 de Xullo na Praza da Quintana e o de Coruña o 4 de Agosto na Praza de María Pita. Esta produción inclúe a gravación e edición dun disco conmemorativo que se publicará en outono de 2017 e contará con dous concertos exclusivos de presenación en Melide e en Rianxo. Repertorio inédito Para a realización desta produción realizouse unha minuciosa pesquisa sobre o repertorio do mestre Chané en arquivos galegos, cubanos, españois e norteamericanos froito da cal se localizaron varias obras que se daban por perdidas. Será a primeira vez que nun concerto, e nun disco, se poda escoitar a integral da obra coñecida do xenial compositor galego. Os artistas Baixo a dirección artística de Ramon Pinheiro deuse forma a un elenco singular de artistas no que se combinan grandes mestres da música erudita e da música popular feita actualmente en Galiza. O director musical do proxecto é Alejandro Vargas que conformou para a ocasión un Consort con destacados músicos do panorama galego entre os que destacamos a participación da cantante Rosa Cedrón. A eles súmase o prestixioso trompetista Myquel González, que se desprazará desde La Habana para tomar parte nos concerto e na gravación do disco. Este consort especialmente creado para o espectáculo complétase cunha experimentada sección clásica de cordas coas integrantes da Camerata Egeria, formada con interpretes da Real Filharmonía de Galicia. Alejandro Vargas Consort Piano. Alejandro Vargas Bateria. Luis Alberto Legido Percusión. Javier Barral Contrabaixo. José Manuel Díaz Trompeta. Mayquel González Voz. Rosa Cedrón Alejandro Vargas é un dos compositores e interpretes de jazz mais recoñecidos das novas xeracións de jazz cubano. Despois de graduarse como pianista no Instituto Superior de Arte d’A Habana completou os seus estudos en seminarios con Herbie Hancock, Chucho Valdés, Danilo Pérez ou Jorge Luis Prats. No 2001 recibíu o Primeiro Premio no Concurso Jojazz de Xóvenes jazzistas de Cuba. Tocou con prestixiosas agrupacións como Irakere, Pupi y los que son Son, e com músicos de relevancia internacional como o saxofonista Donald Harrison, o trombonista Steve Turre, as cantantes Lucrecia, Guadi Galego, Ugia Pedreira ou Diana Fuentes. Asentado desde 2009 en Galiza, dirixiu relevantes proxectos como a Descarga ao vivo: Cuba-Galiza ou as Miniaturas musicais de Eugenio Granell (premio especial Cubadisco 2013). Actualmente é profesor do Curso Maxistral da Escola de Música popular e avanzada d’aCentral Folque. Camerata Egeria 3 violinos primeiros: Ildikó Oltai, Irina Gruia, Michal Riczel, 3 violinos segundos: Kiyoko Ohashi, Elina Viksne, Enrique Roca 2 violas: Ioana Ciobotaru, Iriana Fernández 2 cellos: Xusa Hervás, Bárbara Switalska 1 contrabaixo: Alfonso Morán Dirección: Alfonso Morán A Camerata Egeria é unha agrupación clásica de instrumentos de arco composta case integramente por membros da orquestra Real Filharmonía de Galicia. As diversas procedencias das mulleres que compoñen o cuarteto que lle serve de base (Hungría, Xapón, Romanía e Valencia) e máis o feito de estaren establecidas nesta meta de peregrinacións que é Santiago de Compostela, inspiraron a elección do nome do grupo, en referencia á primeira muller que nos legou a narración da súa viaxe en peregrinación a Terra Santa no século IV partindo da Gallaecia romana. O grupo iniciou a súa actividade en 2009 no marco do Ciclo de Música de Cámara da Real Filharmonía de Galicia, participando logo no Festival Via Stellae. En 2012 cumpriron coa encomenda de gravar para a Televisión de Galicia a colección de cuartetos e quintetos de corda escritos por Alfonso Morán a partir de cancións populares galegas. Con este repertorio participaron en 2015 na inauguración da Casa das Letras de A Estrada, así como no ciclo Espazos Sonoros da Consellería de Cultura.

____

Editorial: aCentralfolque
Idioma: Galego

Ub: 1