Atila no Grove

22,00

Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948) é a historia política do periodo mais convulso da vila do Grove.

É unha homenaxe ao vitimario do fascismo neste porto da Arousa, e unha denuncia das maneiras violentas que empregaron os perpetradores, que se completa cunha relación das vítimas e a referencia dos seus verdugos.

Solo quedan 2 disponibles

ATILA NO GROVE é unha homenaxe ao vitimario do fascismo neste porto da Arousa, e unha denuncia das maneiras violentas que empregaron os perpetradores, que se completa cunha relación das vítimas e a referencia dos seus verdugos.

Por fin a historia da II República e da represión franquista no Grove de Antón Mascato. Mais por que os anos iniciais da ditadura de Primo de Rivera como punto de partida?. 

Como sabedes toda obra destas características ten que ter marcos de inicio e remate. No caso do Grove hai dúas familias que ocuparon a vida pública durante a primeira metade do século XX, os Otero e os Álvarez; foron todo no poder local, alcaldes, fiscais, xuíces, secretarios de xulgado e do concello, deputados… eles son o paradigma da confrontación política e persoal. Uns empezan sendo os tradicionais caciques enfrontados aos dirixentes agraristas, pero como O Grove é un «sitio distinto» os líderes agrarios pasan precisamente na ditadura de Miguel Primo de Rivera ás fileiras de Renovación Española e rematan sendo, cívicos e falanxistas, e os caciques rematarán sendo republicanos e líderes da Fronte Popular.

Esta transmutación foi explicada por un cronista local, Saturnino Mejuto, como «cando o anxo vira demo, o demo faise anxo». No fondo, coma sempre, a loita de poder e dos  intereses económicos directos, de clase. E logo está a patronal conserveira enfrontada aos sindicatos dos traballadores do mar e das traballadoras da conserva, asociadas nun sindicato de oficios varios no que conviviron anarquistas, socialistas, comunistas, republicanos e nacionalistas. Unha patronal cruel e vingativa que se aliñou co falanxismo e coa garda cívica, que ao cabo serán os principais responsábeis do vitimario.

Podía contarnos aqueles fitos máis destacados da etapa republicana e o primeiro franquismo n´O Grove que recolle no seu libro?

Máis  que os fitos destacados da represión n´O Grove, na miña opinión o singular, o diferente, do caso desta pequena vila mariñeira da Ría de Arousa que en 1936 andaba polos sete mil habitantes é a enorme implicación social nos diferentes partidos, asociacións, sindicatos e alternativas que se deron na época.

Por dicilo graficamente, os afiliados ao Partido Galeguista(PG) en 1936 son trinta homes e varias mulleres, pero mulleres que non figuran na afiliación do PG por seren compañeiras, fillas ou irmás deste o daquel militante, son mozas porque participan activamente das actividades galeguistas, sen teren un papel secundario, complementario ou decorativo. E se esa era a afiliación n´O Grove, en Cambados malia a intensa luz que proxectaba Ramón Cabanillas non había militancia do PG, e en Vilagarcía, non chegaban á ducia.

Por iso en 1936, cando a sublevación militar o alcalde d´O Grove é un dirixente do Partido Galeguista, Xacobe Barral, unha figura mal entendida e pouco estudada a quen historiadores como Carlos Fernández dan por morto nas súas publicacións referidas ao 36. A mediados  década dos oitenta leveino comigo á presentación do especial Castelao-Bóveda de  A Nosa Terra  que se fixo no antigo Teatro García Barbón de Vigo e  botoume unha reprimenda  pola lea que o BNG montou en Santiago,cando a traída dos restos de Castelao, «sen que iso signifique que eu este de acordo co que fixeron estes da Xunta», dicíame el que nunca claudicou da súa militancia e crenza fondamente nacionalista.

Quero dicir con todo isto que O Grove é un lugar diferente, o anarquismo tiña moita forza entre os traballadores do mar, o Partido Comunista xa tiña células activas nos primeiros anos de 1930, os socialistas tiñan unhas mocidades moi activas, e había un republicanismo forte en evolución continua, que rematou confluíndo en Esquerda Republicana.

Todo ese fervello social e político explica que a deriva da violencia fascista se manifeste cunha virulencia pavorosa, vinte e cinco asasinados arredor de 1936, centos de detidos, encarcerados, torturados, fusilados, fugas masivas por mar, exiliados… e casos extraordinarios que se diferencian doutras vilas como que se asasine a militantes republicanos na rúa a plena luz do día, á vista da xente, ou que do «paseo» que lle dan a catro mozos, un deles quede vivo cun balazo de fusil que lle atravesa a cabeza e que dado por morto sexa coidado e protexido por unha muller até que conseguen derivalo a un hospital no que, con el inconsciente, acordase un pacto de silencio de por vida sabedor a familia da vítima que poden volver a buscalo porque evidentemente coñece ao asasino dos seus compañeiros e ao falanxista que lle disparou a el.

Imaxinádevos o que é convivir na túa vila co criminal que matou aos teus compañeiros e que te matou tamén a ti. Nunca falou do que pasara, nin mencionou cantos ou quen foran os gardas e falanxistas da saca, pero semanas antes do seu falecemento, nos primeiros anos de 1980 sentiu a necesidade de contalo por escrito, nunca antes se fixera público este documento, a familia confioumo e por iso puiden facer o relato do que acontecera naquela madrugada do 29 de agosto de 1936.

Nesa liña de singularidades tamén non parece posible que en maio de 1948 maten a un dirixente do Partido Galeguista local, nun café cheo de xente e despois de baixar o machete da luz. Ou que os que se dedicaban á saca de mozos das súas casas, perdan unha das listas, conservada durante décadas no segredo dunha das familias e que por ela podamos saber quen era o responsables de sinalar a quen había que asasinar, letra ben recoñecible por certo, «grande, redonda e ampulosa» e que sometida a peritaxe caligráfica achega información do violento asasino.

É un dos investigadores que nunca tivo medo a poñerlle o nome aos verdugos, que casos destacarías como os máis paradigmáticos da súa localidade?

Hai que partir dun punto, non hai un só caso de crime que tivera o seu axuizamento, a xustiza non existía en 1936 era todo impunidade, pero si hai atestados, declaracións, actas e causas nas que aparecen nomes dos responsábeis e nalgúns casos tamén son evidentes, os métodos violentos que empregaron.

Se lemos o que pasa, por exemplo, do dirixente sindical Perfecto Allo, ao que denuncian e deteñen no seu agocho dous anos despois do comezo da guerra e no canto de levalo a un cuartel para facer declaracións o levan ao monte de Solobeira, na Arousa, e lle pegan un tiro na sen e  vemos con atención as declaracións do sarxento da garda civil que manda o piquete non podemos crer a versión oficial que fala de que  aplicación da lei de fugas que nunca existiu. O tiro foi certeiro e a menos de vinte centímetros de distancia. Ou se lemos  o certificado de defunción de Francisco García Moldes no que se fala de «morte violenta a consecuencia de arma de fogo” xa podemos intuír que para nada se tratou dun accidente que se produce exactamente nos vinte segundos nos que faltou a luz.

De calquera maneira entre non ter medo a evitar os nomes dos verdugos e ser irresponsábel botándote ás pozas hai un longo camiño no que o que se di ten que estar ben documentado, incluídas as acusacións, as presuncións e as intuicións, como fixo por certo o rigoroso Dionisio Pereira e o seu caso do que saíu ben pero que noutro xulgado a lectura podería ser diferente e verse nunha lea insufrible. Pero si, hai que ser valentes e cando se cre que a razón e o coñecemento avalan as túas afirmacións non debes auto censurarte, pasaron oitenta anos xa non viven as vítimas nin os criminais.

No caso do Grove, como o xa referido en Cerdedo con Dionisio Pereiro, tamén houbo unha familia que acudiu ao xulgado para denunciar o trato que se lle daba  nas investigacións a presuntos represores. Con ese antecedente non ten medo a que volvan repetirse as denuncias agora contra vostede?

O único medo que teño  é a que algunhas fillas e fillos, netas e netos de represores teñan constancia documentada de que o seu pai ou avó foi responsábel da morte de seres humanos por revanchismo político, económico ou persoal, e que iso lles provoque dor.Teño medo de ser o causante desa dolorosa circunstancia que nalgún caso nin sequera intuían, porque se trata de persoas civilizadas, que son amigas e veciños, que veñen agora a teren coñecemento das brutalidades dos seus antepasados. Cando o neto dun deles me preguntou polo seu avó, díxenlle se cría estar preparado para saber, e como dixo que si, conteille cal fora a resposta que me deu cando lle preguntei ao seu avó se matara xente nos anos posteriores a 1936, «xente non, nós a quen matabamos eran ás bestas, aos que non merecían vivir». Entendo a dor de quen se ten que enfrontar a iso, pero tamén creo que é saudable enfrontarse á propia dor.

O que non entendo é a quen dende a súa militancia reaccionaria, pretende manter silenciadas as atrocidades cometidas polo seu pai, ou polo seu avó, apelando  á honra de quen non o tivo en vida. O que non podo entender é a quen cre que non hai dereito a investigar, saber e divulgar o resultado dese coñecemento amparándose na honorabilidade dos seus e esquecendo a dor profunda das familias  desfeitas.Impunidade dobre, antes e agora? Seguramente nas súas casas non se falaba do que acontecera, pero nas casas das vítimas e dos veciños de ben, en case todas si se falaba do que pasara, porque a maioría temos familiares represaliados, violentados.

Do caso que mencionades, e non quero eludir a pregunta, dicirvos que a denuncia desta familia d´O Grove contra Fabièn Garrido, o fillo do dirixente comunista Ramón Garrido Vidal, foi tramitada por un xuíz que non escoitou á outra parte daquela residente en París, e que deu orde de retirar unha web que estaba en dominio francés onde o xulgado de Cambados non ten competencias, paréceme que ningunha desas dúas circunstancias soportan calquera raciocinio. A web foi retirada polo denunciado, que continuou facendo a mesma divulgación da memoria do seu pai por outras vías, polo que nada conseguiron os demandantes.

A información obxecto da denuncia está noutras webs e mesmo en libros publicados, accesible todo o tempo e sen que fose denunciada. Na miña opinión o que conseguen este tipo de denuncias é que a campaña de solidariedade que xeran faga o efecto de altofalante, promovendo e divulgando ese coñecemento que pretenden afogar. Respecto absoluto polas familias que podan sentir dor ao teren coñecemento e total indiferenza polas que intentan que non se coñeza a historia porque teñen moito que agochar. Sinceramente non teño medo por posibles denuncias porque todo o afirmado ten un soporte documental, e se trata de asuntos públicos, de maneira ningunha persoais ou privados.

Remata o volume analizando os capítulos da resistencia á ditadura, xa ben entrada a década dos corenta, que significaría dese período?

Procuro ao analizar este período do primeiro franquismo, o da década de 1940, demostrar que cando menos n´O Grove o falanxismo que gobernará no concello ata 1975, non laminou completamente a vida política local, que era tal o fervello das ansias republicanas anteriores que non rematou esa vida militante e de compromiso despois da sublevación militar, a represión foi brutal pero non acadou o obxectivo do exterminio da contestación.

En 1948 deteñen a nove veciños militantes do Partido Comunista, tortúranos e encarcéranos; asasinan nos montes de Frades a un veciño que é dos derradeiros guerrilleiros da IV Agrupación, Henrique Ferreirós. E tamén matan a García Moldes que, con Manuel Lueiro e outros rescataran unha asociación cultural para continuaren facendo axitación, a finais de marzo de 1948 repoñen a obra teatral  O Señor Feudal, un peza contra as ditaduras, cun enorme éxito de público e varias reposicións, e na primeira semana de maio acaban coa vida do primeiro e ameazan gravemente ao segundo, ambos estaban activos na vida política clandestina.

Pero estas tres accións represivas son demasiado para unha vila pequena, empobrecida e que vén padecendo unha continua sangría humana, non volve haber vida política até finais dos anos cincuenta e primeiros sesenta. E lembrar que nas primeiras eleccións municipais posteriores á morte de Franco un tripartito formado polo Partido Comunista, Partido Socialista Obreiro Español e o Bloque Nacional–Popular Galego impiden que a dereita continúe no poder local, aquelas eran as brasas das lumieiras do pasado.

 

 

Peso 0.100 kg
Autor

Antón Mascato

Idioma

Galego

Nº de páginas

402

ISBN

978-84-120184-6-2, 978-84-16460-70-0

Encuadernación

Tapa blanda

Año edición

2019

Editorial

Positivas

Prazo de entrega