Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

AS ORIXES DA FOTOGRAFÍA EN GALICIA. ESTUDIOS COMPOSTELÁNS DO XIX

€29,50
ISBN 9788416460519
Unha obra pioneira, resultado de anos de fonda investigación, que achega descubrimentos sorprendentes do nacemento da arte fotográfica na Galicia do século XIX.

O seu autor, o fotohistoriador Carlos Iglesias Castelao (de orixe asturiana e afincado en Compostela dende 1988), ofrece nestas páxinas un traballo rigoroso, documentadísimo e enormemente didáctico. Un volume ilustrado con máis de 350 imaxes (moitas delas, totalmente inéditas) que principia situando os albores da fotografía no noso país para presentar de seguido o máis completo traballo coñecido ata hoxe sobre a fotografía dunha cidade galega nun período concreto. Son as precursoras e precursores da nova arte da imaxe en Santiago de Compostela. Trázase a biografía de ata vinte e catro profesionais e os seus estudios fotográficos; demóstrase a interrelación nunha maioría deles, a súa ideoloxía común progresista ou o seu achegamento á masonería. Dedícase un apartado á presenza da muller na fotografía con novas descubertas arredor de Rosalía de Castro e os seus fotógrafos. Inclúese a historia completa do primeiro fotógrafo galego con estudio propio, Andrés Cisneros, e mesmo descubrimos feitos ben singulares como a historia do neno fotógrafo Luis Hermida, de oito anos... Trátase, en fin, dun traballo sen precedentes na historia galega da fotografía que nos fará gozar desta arte que, na segunda metade do século XIX, cambiaría a nosa forma de ver o mundo. Un neno fotógrafo de só oito anos e con estudio propio na rúa do Vilar, na cidade vella santiaguesa. Ocorreu en 1885. Algo insólito no mundo coñecido, subliña Carlos Castelao, que quedou abraiado cando descubriu a Luis Hermida Cabellomentres andaba na procura de material para a elaboración do seu ensaio As orixes da fotografía en Galicia. Os estudios composteláns do XIX, unha obra pioneira sobre o nacemento deste oficio na comunidade, enxalza o editor Quique Alvarellos, responsable do selo que, xunto co Consorcio de Santiago, publica o libro. Castelao só foi quen de atopar unha foto firmada por este rapaz, a que fixo da inauguración en Santiago, o 28 de xullo de 1885, do monumento que homenaxea, nos xardíns do parque da Alameda, ao heroe do Callao e almirante Casto Méndez Núñez, unha imaxe que conserva o Museo de Pontevedra. Como reforzo testemuñal, tamén achou na prensa da época noticias (e anuncios publicitarios) que ratifican o labor de Hermida na rúa. Sería, segundo os seus estudos, o único caso na historia do que se ten coñecemento. El só sabe de dous exemplos que se achegan en prematuridade: o pintor e fotógrafo francés Henri Lartigue, ao que seu pai lle regalou unha cámara cando tiña oito anos, e coa diferenza de que non se dedicou profesionalmente ao oficio, fotografaba escenas efémeras, xente en movemento, unhas imaxes nas que, por certo, mostra moita intuición co disparador; e está tamén o neno Lo Manh Hùng, que con doce anos cargaba coas súas máquinas Pentax e Minolta para desempeñar a tarefa de seu pai, ao que substituíu para cubrir a guerra do Vietnam cando resultou ferido nunha perna (hai moitas imaxes da actitude decidida do reporteiro, algunhas tomadas por soldados americanos).

Da rúa do Franco ao Vilar

Luis Hermida aparece como titular do estudio, seguramente, da man de súa nai, Juana Cabello -quen firmaba como J. Cabello e foi, para todos e ata hai pouco, un fotógrafo-. Ela debeuse formar na súa Zaragoza natal, como ocorreu con María Cardarelly, a primeira fotógrafa profesional que traballou en Compostela e en Galicia. Os destinos militares do esposo de Juana (Andrés Hermida era de Vedra) levaron finalmente á familia a afincarse en Santiago en 1881. Preto de 1884 abriu un gabinete ao seu nome na rúa do Franco, pero non tardou en pechar, antes de rematar o ano, nun fracaso de tipo económico provocado polo caro que para o cliente resultaba o seu produto, de gran calidade, e pola súa condición de muller.
 En febreiro de 1885 a familia abriu un despacho ao nome do fillo, Luis Eusebio -como consta nun documento notarial-, que instalou no número 25 da rúa do Vilar, no local do antigo estudio dos Palmeiro, que montou Juan e mantivo o seu fillo Manuel, e que os Hermida Cabello collerían como nun traspaso. Alí traballou Luis, supón Castelao, supervisado pola nai ata que esta faleceu antes de cumprir os 40 anos.

Mulleres e zaragozanas

De atribuír a Juana Cabello a imaxe de Rosalía, daríase a casualidade de que a primeira foto da poeta (obra de María Cardarelly) e a última estarían realizadas por mulleres, e naturais de Zaragoza. A morta de Juana o 30 de agosto de 1885 pon o estudio contra as cordas. Durante máis dun ano Luis Hermida lanzou unha serie de promocións e descontos nos prezos. Foi entón o pai quen se implicou no negocio, ao solicitar unha excedencia á capitanía para acometer co seu rapaz unha viaxe por Galicia, para facer un álbum coas fotografías dos edificios e antigüidades máis notables. A iniciativa truncouse, aínda que, sinala Castelao, descoñécense as causas exactas. O que si parece é que serviu para que o fillo exercera a profesión de maneira ambulante, o que os levou temporalmente ata Lugo. As débedas familiares -houbo denuncia xudicial de por medio- fixeron que Andrés Hermida solicitase a reincorporación militar en 1889, xa con destino en Lugo, e que a familia fixara alí a súa residencia. Aquilo puxo fin á actividade de Luis como fotógrafo, e acabou por emular ao pai e facendo carreira no Exército. HECTOR J. PORTO La Voz de galicia 10/01/2019
   

____

Editorial: Alvarellos
Idioma: Gallego