Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

ARQUIVO SARAIBA

€19,90
ISBN 8487882064
As primeiras referencias de fotografía publicadas polos irmáns Sarabia temolas en Vida Gallega(VG). No traballo dos irmáns Sarabia ao ollar as súas fotografías atopámonos coa presencia constante dos tranvías. Fotografían as inauguracións das novas liñas e cocheiras, e inclúenos frecuentemente tanto nas imaxes das rúas céntricas da cidade como nas paisaxes de Chapela, Teis, Ramallosa, Mondariz… En moitas ocasións convertidos no elemento principal da fotografía.

O estudio dun arquivo histórico vai xeralmente acompañado da indagación sobre a vida dos fotógrafos que o formaron, e dunha forma moi particular das circunstancias en que se realizou o traballo. Trátase de situarse na época no que foi realizado. A consciencia desa distancia acáballes outorgando o seu valor. Sen embargo, nalgúns casos, á medida que se trata de avanzar no estudio do arquivo non parece posíbel ter moitos datos sobre os seus autores, nin sequera atopar gran parte da súa obra, e os fotógrafos acábanse convertendo nuns persoaxes misteriosos. Este é o caso de Constantino e Enrique Sarabia. Na cidade de Vigo son moitas as persoas de certa idade, e xente dada a mergullarse en publicacións doutras datas, os que se preguntan polas fotos de Sarabia. O interese das fotografías que atopamos, dunha forma moi especial a colección da Autoridade Portuaria de Vigo, así como as reproduccións nas diferentes publicacións galegas, dunha forma particular as da revista Vida Gallega, leváronnos a dedicarlles un número da colección Album e montar no seo da VI Fotobienal de Vigo unha exposición monográfica. Somos, sen embargo, conscientes da limitación de ambos proxectos por incompletos e esperamos que algún día sexan completados. A familia Sarabia procede do lugar de Sabugueiro de Arriba parroquia de Castrelo situada nas cercanias de Poboa de Trives. Alí naceron os sete irmáns Sarabia: Xosé, Constantino, Enrique, Antonio, Isabel, Asunción e Trinidad nos recorda Rosa, filla de Asunción e único descendente da familia que segue a vivir na parroquia de Castrelo. A relación dos irmáns Saarabia coa fotografía ven dada por Xosé Gil, casado coa súa irmá Trinida. Xosé Gil é unha persoa que realizou unha gran e variada actividade. Establecéuse como fotógrafo na cidade de Vigo no ano 1905, primeiro na rúa Carral(1) e posteriormente na rúa do Príncipe; formou parte da redacción da revista Vida Gallega no momento da súa fundación en 1909; representou a casa Ford en Galiza; foi un dos pioneiros do cine galego realizando unha importante actividade. “A Fotografía Gil fai, sobre pedido, toda clase de cintas cinematográficas de calquera asunto e dimensións” liase na propaganda de Fotografía Gil no ano 1911. No mesmo anuncio ofrecía películas como: “Santiago, la Atenas de Occidente”, “La patria de Colón”,”La emigración en los puertos Gallegos” “La gran industria pesquera gallega” “Las romerias en Galicia” ……En opinión de Emilio Carlos Garcia Fernández, Gil é o máis importante e o máis creativo dos que realizaron cine mudo galego.(1) Xosé Sarabia,nado en 1870, serviu en Cuba nos “Lanceros de la Reina”, traballando ao seu regreso en Vigo no estudio de Xosé Gil até a súa morte no ano 1907. Constantino, nado no ano 1875 (2), é supervivente da Guerra de Cuba e aveciñouse en Vigo no ano 1907 (3). O seu inicio na fotografía será, tamén, através de Gil, establecéndose, como nos indica Manuel González Alvarez, no ano 1909 na rúa Elduayen 30. Neste domicilio será onde traballaran e vivirán el e o seu irmán Enrique, nado en 1881. As primeiras referencias de fotografía publicadas polos irmáns Sarabia temolas en Vida Gallega(VG). No ano 1910 aparece reproducida unha vista de Castro Caldelas asinada por Enrique, e no mesmo ano 1910 publica unha foto da colocación da primeira pedra do monumento da Virxe da Roca en Baiona, neste caso firmadas por Constantino. Até o ano 1920 seguirán a aparecer, de forma continua, fotografías asinadas por Constantino Sarabia e non polo seu irmán. Teremos através desas imaxes documentos das primeiras saídas do tranvía eléctrico en Vigo no ano 1914 e da expectación que esto provocou na cidade; da chegada ao Berbés da flota pesqueira; de espacios que hoxe teñen un aspecto moi diferente como o camiño de Romil atravesado por un coche de cabalos; de actos sociais como a festa da flor, banquetes no pazo da Pastora ou a romaría de San Roque, reproducida esta nunha portada no ano 1912, baixo a cal pódese ler: “A cámara escura do noso colaborador artístico Constantino Sarabia da casa Gil de Vigo sorprendeu unha escena interesantísima da festa. Non se repetira máis. Isto aumenta o seu valor e a fai digna deste sitio preferente en Vida Gallega”. Isto parece acreditar vinculación profesional de Constantino con Gil, sen embargo non se pode concluír que Constantino fose un empregado do seu cuñado Xosé Gil, pois naquela época as fotografías non as asinaba a persoa que as realizaba senón que se editaban co nome do estudio, máxime neste caso no que o estudio de Gil gozaba de gran prestixio na cidade. A partir do ano 20 deixarán de aparecer fotos asinadas por Constantino e pasan a selo por Foto Sarabia, nalgúns casos incluso co texto escrito sobre a propia imaxe. A colaboración con V.G. durará até que esta desaparece no ano 1938, publicando nela, durante estas dúas décadas, gran número de fotografías de: A Garda, Samil, Praia América, Soutomaior, Moaña, Cangas e sobre todo a cidade de Vigo, sendo rarísima a aparición de imaxes tiradas noutros lugares lonxanos de Vigo como as realizadas durante unha excursión de cazadores ao Piornedo, debido a que os seus desplazamentos da comarca de Vigo serán moi escasos. “Nin Enrique nin Constantino visitaban Castrelo con frecuencia, as poucas veces que o facían nunca os vin tirar fotos alá” recorda o seu sobriño Enrique González Sarabia. Ao ollar as súas fotografías atopámonos coa presencia constante dos tranvías. Fotografían as inauguracións das novas liñas e cocheiras, e inclúenos frecuentemente tanto nas imaxes das rúas céntricas da cidade como nas paisaxes de Chapela, Teis, Ramallosa, Mondariz… En moitas ocasións convertidos no elemento principal da fotografía. A construccción do teatro Rosalía no ano 24; a visita dos reis no 27; o multitudinario enterro do industrial Sanjurjo Badía; o afundimento do peirao transversal aos poucos días de ser entregado no ano 22; procesións como as de San Benito de Soutomaior, o Corpus de Moaña, Cristo da Victoria de Vigo, A Milagrosa do Berbés ou a actuación de Txistularis na festa vasca celebrada no ano, son algunhas das actividades sociais rexistradas por eles . Na súa obra percíbese, tamén, a intensa actividade do porto naquela época. Os barcos, mercantes nalgunhas ocasións e de guerra noutras serán o fondo de moitas das súas imaxes. O traballo dos irmáns Sarabia publicarase tamén noutros medios de comunicación. Así o primeiro número de El Pueblo Gallego editado o 27 de xaneiro de 1924 reproduce imaxes deles como tamén o fai El Faro de Vigo, aparecendo publicadas as súas imaxes dende setembro do mesmo ano. Non obstante a presencia das súas imaxes nos xornais de Vigo non será tan frecuente como a dos estudios Pacheco, Ksado ou Llanos. As súas fotos publícanse tamén en libros como: “Pontevedra y su Provincia. Artistica e Industrial” do ano 21-22 editado por Juan Barrera e no “Libro de Oro de la Provincia de Pontevedra” editado no ano 31 por P.P.K.O. O traballo realizado fóra do estudio non estaba destinado sempre á edición gráfica, senón que en moitas ocasións respondía a encargos de tipo comercial. Dentro destes gustaríanos citar o traballo sobre a industria conserveira e o realizado para o organismo “Junta de Obras del Puerto”. Do primeiro quedan unhas magníficas fotografías, algunhas delas conservadas no Museo de Pontevedra, que nos mostran o traballo das mulleres nas fábricas de conservas nos anos vinte. A pesar da importancia da industria conserveira en todo o litoral galego, e dunha forma moi especial nesa época, non é facíl atopar nos arquivos dos fotógrafos traballos sobre este tema e menos do interese destes. O segundo documenta as obras realizadas no porto de Vigo durante os anos vinte e trinta, contendo gran número de vistas xerais que nos amosan como se estaba trnasformando radicalmente a relación da cidade co mar, outras amosannos os diferentes traballos concretos realizados e a técnica que naquel momento se usaba, dragas, gruas, peiraos de ferro…Gran parte deste traballo consérvase hoxe nos arquivos da “Autoridade Portuaria de Vigo” Todo este traballo realizado no exterior foi feito fundamentalmente por Constantino, mentres Enrique, de carácter máis comunicativo, se encargaba de realizar o de estudio. “Recordo os preparativos de Enrique para os retratos de estudio, e as tomas exteriores de Constantino, onde previamente facía desaparecer a todo o mundo que nese momento circulaba pola rúa. De aí que cando unha persoa tardaba moito tempo en realizar unha cousa dicíamoslle. Pareces o Sarabia” recorda Manuel Alvarez Moreira. O estudio, situado en Elduayen 30, non tivo sen embargo o auxe que tiñan nese momento os estudios de Pacheco, Ksado e Gil. As fotografías eran montadas en passepartout que levaban impreso o nome de E.Sarabia, anteriormente usaran outro coa inscrición “Sarabia y Hermano”. Son moitos os veciños que aínda recordan a Constantino traballando, na década dos cincuenta, cunha máquina antiga e voluminosa. Juan Manuel Amoedo lémbrao, nos primeiros anos da década dos sesenta, como “un home, moi forte, de oitenta e tantos anos que tiña dúas grandes preocupacións: a saúde e a liberdade. Non soportaba a idea de que alguén se poidera meter na súa vida. Viña polo noso bufete e botaba emormes parrafadas co meu pai”. O seu pai, Juan Amoedo, era probabelmente un dos poucos amigos que tiña na cidade. A súa amizade coa familia Sarabia víñalle de que colaboraran con el cando se presentara, na xurisdición de Trives, ás eleccións polo partido de Azaña. Enrique, que era o menor dos dous irmáns, morrera antes, e máis tarde, xa entrada a década dos sesenta, Constantino, despois de ter pasado os últimos anos nunha grande soidade. Tanto é así que según se di pasou varios días morto na súa casa sen que ninguén se enterara. Escoitase tamén na cidade que no momento en que foi atopado morto houbo alguén que se levou de Elduayen 30 parte dos seus negativos, e Juan Manuel Amoedo recorda que o seu pai, que acudira ao lugar, tiña a impresión de que alí andara alguén(4). Non se sabe tampouco que foi do arquivo fotográfico de Gil, nin das súas películas, das que según algunha testimuña o seu último posuidor coñecido foi Constantino (5). É posíbel que a súa sorte fose a mesma que a do arquivo Sarabia. O escrito por Manuel de la Fuente plasma o pensamento dalgunhas persoas “..tras a morte dos seus autores e porque as súas pertenzas estaban ao alcance de calquera -según comentarios nunca desmentidos-, pasaron a mans alleas que tiveron a ruindade de facelas propias”. Os dous irmáns foron enterrados no panteón da familia Gil- Sarabia que lle encargou no seu momento Xosé Gil ao escultor Asorei para poder enterrar ás súas tres fillas, mortas as tres na adolescencia. Neste momento é o recordo que queda na cidade deles e de Gil.

____

Editorial: CEF
Idioma: Gallego