ARQUITECTURA RECIONALISTA GALEGA

35,00

O título advírtenos unha primeira cuestión a ter en conta: a relevancia de dúas das máis importantes figuras da arquitectura galega da primeira metade do pasado século, é dicir, Antonio Palacios e Manuel Gómez Román.

Hay existencias

Son xa que
logo os que máis obra teñen adscrita ás dinámicas
estilísticas deste rexionalismo e son, ademais, e
na liña que se vén comentando, dúas referencias
fundamentais na produción académica do autor
que nos atinxe. Arredor das últimas décadas,
Iglesias Veiga ten contribuído ao coñecemento
historiográfico e posta ao día de ambos os dous
arquitectos a través de numerosas publicacións,
catálogos de exposicións, actas de congreso ou
artigos en revistas especializadas. Por citarmos
algúns deses títulos, salientan Manuel Gómez
Román: mestre da arquitectura galeguista (Xerais,
1995), en colaboración con Xaime Garrido;
Antonio Palacios, arquitecto: de O Porriño a Galicia
(Deputación de Pontevedra, 1993), Antonio
Palacios: a pedra, o país, a arte, o urbanismo, a
renovada tradición, o oficio de arquitecto (Ir Indo,
1995); ou nas obras colectivas Antonio Palacios,
constructor de Madrid (La Librería, 2001) e Manuel
Gómez Román (Deputación de Pontevedra,
2005).

O autor indícanos ao comezo que o interese
pola arquitectura rexionalista, como paradigma
arquitectónico que se pode rastrexar noutras
zonas do estado e a nivel internacional, foi medrando
nas últimas décadas logo dun período
de descrédito condicionado polo ideal moderno.
Dous autores de sona para a historiografía estatal

como Pedro Navascués Palacios ou Villar Movellán
contribuíron a esta redescuberta. O caso galego
vén dado polo desenvolvemento da estrutura
cultural adscrita á Xeración Nós, o Seminario de
Estudos Galegos, as Irmandades da Fala e outras
institucións do eido galeguista e nacionalista. Será
neste ambiente onde se comece a revalorizar o
patrimonio artístico galego, abranguendo non
só a arquitectura, senón o conxunto das artes
plásticas. A conxunción dunhas inercias sociais
tradicionalistas, o baixo nivel de urbanización
e industrialización, xunto coa elevada taxa de
poboación rural, e mais un discurso intelectual
que xera unha pulsión entre a necesidade dunha
definición identitaria e a adaptación ao mundo
moderno serán os ingredientes desta arquitectura
rexionalista que Iglesias Veiga define e enmarca
a través dunha serie de fitos históricos —salientando
a Exposición Iberoamericana de Sevilla de
1929—, divulgación editorial e en prensa e todo
tipo de achegas teóricas e ideolóxicas desta xeración.

A construción historiográfica presta moita
atención ao discurso xerado na época ao tempo
que se atende ás poéticas persoais dos diferentes
arquitectos. En efecto, como se vén dicindo,
a operatividade discursiva que ofrecen Manuel
Gómez Román e Antonio Palacios non se debe só
ao volume de obra de ambos os dous arquitectos,
senón por representaren dúas poéticas, dous
paradigmas de traxectoria que permite sacar conclusións
de interese sobre a situación da arte e a
cultura galegas da primeira metade do século XX.
É relevante a estruturación por obras, amosándose
a pluralidade de espazos, tipoloxías e solucións
achegadas por ambos os dous arquitectos.

Peso 0.100 kg
Autor

Xosé Ramón Iglesias Veiga

Idioma

Galego

Nº de páginas

328

ISBN

9788494900716

Encuadernación

Tapa blanda, Tapa dura

Año edición

2019

Editorial

Engaiolarte

Prazo de entrega

EXISTENCIAS

SI