Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

25 AÑOS VENDIMA TARDA (CD + DVD)

€20,00
ISBN WP7074
25 Años: Vendima Tarda (Edición Deluxe) (Edición CD + DVD + Librero) Treixadura cumpre 25 anos. Para o festexar, gravou as súas dúas actuacións no García Barbón de Vigo en outubro do ano pasado, para presentar a finais de ano Vendima Tarda  un CD+DVD que recolle eses concertos. Ou o que é o mesmo, fai un resumo destes 25 anos de andaina. Analizamos este traballo, que supón sen dúbida un fito na carreira da formación tradicional redondelá.

Cancións: Alalá de carballo / Unha semaniña enteira Sarela en San Simón Lúa clarea Canto do meu compañeiro Lela Foliada marmuradora Apartaio Xa chegou / O canciño de San Roque O melro Foliada de Santiago Se chove Muñeira da volta da festa Caraveliños Miñas cousas Muñeira do Santo Amaro Fisterra Alalá de carballo / Unha semaniña enteira Sarela en San Simón Lúa clarea A chula de Pontevedra Canto do meu compañeiro Lela Foliada marmuradora VAlses de Arousa Pasodobre dos trintas Vinde rapazas Apartaio Xa chegou / O canciño de San Roque O melro Foliada de Santiago Se chove Muiñeira da volta da festa Caraveliños Miñas cousas Muiñeira do Santo Amaro Fisterra Vendima Tarda, disco ao vivo de Treixadura O 3 e 4 de outubro de 2014, Treixadura congregou os seus seareiros no Teatro-Sala de Concertos Afundación, o García Barbón de Vigo. Reuníronse aló para festexar o 25 aniversario desta formación tradicional. Aquel emotivo concerto gravouse e agora, en CD e DVD, conforma Vendima Tarda último disco de Treixadura. O traballo presentouse en decembro do ano pasado, no mesmo escenario da cidade olívica e no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela. Máis de 100 minutos que serven para debullar a traxectoria dun grupo que sabe coma poucos transmitir a esencia da nosa música. Diante dun teatro ateigado, Treixadura Gaiteiros e mais o seu Orfeón repasaron moitas das composicións que, sendo maioritariamente tradicionais, teñen na formación redondelá a ferramenta grazas á que se inseriron de vez no noso acervo cultural. Ou cando menos, así acontece para as xeracións novas. Porque Treixadura foi medrando desde que catro gaiteiros, Antón e Xan López, Xaquín Xesteira e Xabier Martínez, escolleron para a súa andaina o nome desa caste de bagos duros, doces e alongados que adoita estar presente nos viños brancos do Condado e do Ribeiro. Foi no Muíño Vello de Redondela, á beira do Alvedosa, en xullo de 1990. Mais non foi até 2 anos despois, no mesmo lugar, cando deron o seu primeiro concerto. Xa entrara Ramón Vázquez, O Chirlo, na formación. Despois foron vindo mudanzas co paso do tempo, e dos que hoxe en día conforman Treixadura, alén dos fundadores Antón López e Xaquín Xesteira, o gaiteiro Paulo Nogueira entrou no 95, no 98 o acordeonista César Longa, e no 2008 a bombeira –e gaiteira- Magoia Bodega. Nesta andaina foron chegando tamén os discos e foi a raíz do terceiro e, nomeadamente, do cuarto disco, Unha semaniña enteira (PAI Música, 2006) cando xurdiu o Orfeón, conxunto de voces masculinas que converteu Treixadura no máximo expoñente da música tradicional cantada. Esas, na actualidade, dez voces forman xa parte indisoluble de Treixadura e recolleron o testemuño dos coros galegos, -Cántigas da Terra, Cantigas e Agarimos, Toxos e Froles, etc…- que mantiveron vivo o repertorio vocal que acompañou os gaiteiros nos séculos XIX e XX. Para a gravación desde disco ao vivo non só eses quince integrantes, -entre banda e orfeón-, estiveron encol das táboas do García Barbón. Tamén os acompañaron varios dos antigos membros do Orfeón e o coro tradicional “Cantigas e Agarimos” con quen comparten gusto polo xeito de tratar a nosa tradición e mesmo membros, pois varios dos músicos de Treixadura teñen acompañado nas súas actuacións o coro compostelán. Tan ben arroupados deron un repaso polos seus cinco discos, incidindo nos dous últimos dous en que o Orfeón se integrou de vez. Así, Lúa clarea, a Foliada marmuradora, O Melro, Se chove ou a Muiñeira do Santo Amaro foron marcando intres senlleiros do concerto, sen concesión para as pezas instrumentais, agás o fermoso Pasodobre dos Trinta, desta histórica formación de Trives e os Valses da Arousa, tirados do repertorio doutros clásicos, os Campaneiros de Vilagarcía e Os Areeiras de Catoira. Polo medio, algunha delicatessen, coma o Lela de Castelao cantado acompañados por Cantigas e Agarimos e no remate, apoteose de fermosura e emocións con Fisterra. Eis o segredo de Treixadura. Malia seren grandes instrumentistas, non hai nos seus discos complexidades excesivas. Non as precisan, son unha formación sobria e porén, sen estridencias nin virtuosismos, son quen de transmitir toda a forza da tradición nos seus concertos, como se comproba neste traballo ao vivo, nomeadamente no DVD. E aí cómpre destacar o traballo de Casa de Tolos, encargados da gravación e responsables de plasmar a maxia e o poder de Treixadura no disco.

____

Editorial: Inquedanzas Sonoras
Idioma: Gallego